Leña Verde, o grupo que dá calor á vida social de Pol dende hai trinta anos

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

LUGO

O grupo de música de Leña Verde, nunha actuación
O grupo de música de Leña Verde, nunha actuación CEDIDA

A asociación creouse co mesmo nome dunha agrupación que funcionara no concello en décadas pasadas

09 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Di o refrán: «Xente nova e leña verde, todo é fume». Porén, en Pol hai unha leña verde coa que se fai bo lume; tanto se fai que leva trinta anos quentando a vida social e cultural do concello. En 1994 xurdiu a Asociación Cultural Leña Verde, cuxo nome non xe escolleu para facer unha brincadeira sobre as intencións previstas senón como lembranza dunha agrupación con ese mesmo nome que houbera no concello en décadas pasadas.

As razóns polas que se decidiu crear unha asociación tamén semellaban claras e dispostas sobre criterios firmes. Por unha banda, veciños de varias parroquias, con idades variadas, compartían o gusto pola música e quedaban para tocar; por outra, había no concello xente cuxas inquietudes parecían propiciar a creación dunha asociación. Así naceu Leña Verde, que dende o comezo amosou interese por abrirse a toda a xente da contorna.

Os socios do colectivo non eran persoas individuais senón que se tomaban como referencia as casas. Unhas 180 xunguíronse a un proxecto no que as cotas foron e son simbólicas. Segundo explica Óscar Trigo, vogal da directiva, hoxe páganse doce euros ao ano; e aínda que, como ocorre en moitos outros concellos rurais, a poboación diminúe, o número de socios mantense un pouco máis alto do que era hai trinta anos: hoxe hai arredor de 200.

O número de membros da asociación é semellante ao de 1994, pero non é ese o único trazo que se conserva. O primeiro presidente, Jesús Trigo, mantense no cargo, algo que Óscar Trigo, vogal e fillo seu, comenta con humor: «Se houbese quen quixese coller o cargo, quizais o deixaría; pero non lle deixamos», di. Si houbo neste tempo outros cambios, pois outros membros da xunta deixaron o posto e foron substituídos: Óscar Trigo, por exemplo, incorporouse cando a asociación xa levaba anos funcionando.

Música e baile

O traballo desenvolvido nestes anos moveuse por varios ámbitos. O labor de Leña Verde máis coñecido é o da música, cun grupo que ten actuado dentro e fóra de Galicia. Tamén, durante anos, funcionou un grupo de baile, e creouse, aínda que con breve existencia, un de teatro. Charlas sobre cuestións do agro, lóxicas nun concello no que a actividade gandeira está moi presente, ou de saúde completan ese labor, aínda que os méritos de Leña Verde necesitan outra mención: a asociación encárgase de organizar un magosto, e polo entroido preparada unha festa de recoñecido poder de convocatoria.

«Ten habido épocas de moita actividade», resume Óscar Trigo. Non hai nesas palabras nada de nostalxia. Máis ben salienta que a xente amosou e aínda amosa interese polas actividades e que Leña Verde non foi un caso illado en Pol. «Asociacionismo, realmente, si houbo. Leña Verde foi unha asociación máis. Moitas veces colaboramose unhas asociacións con outras, porque todas traballamos polo mesmo, pola dinamización», explica.

Recoñecemento

Do que di dedúcese que unha asociación coma Leñá Verde, ademais de traballar a carón doutras e non en solitario, tamén foi avanzando co agarimo e co recoñecemento dos veciños: Óscar Trigo lembra que durante a pandemia había xente que preguntaba cando se poderían retomar as actividades e recoñece que non todas as que se organizan poden ter gran presenza de público.

Se hai 30 anos case non había teléfonos móbiles e non apaceceran as redes sociais, Óscar Trigo cre que hoxe esas innovacións non impiden as reunións de veciños: «Eu creo que teñen máis sentido ca antes. Son un pretexto para vérmonos, para relacionármonos, afirma.

Este sábado, festa na carballeira de Mosteiro

Leña Verde ten disposto un programa de actos que se desenverán mañá, na carballeira de Mosteiro, para celebrar os 30 anos. Ás dúas da tarde hai unha sesión vermú, amenizada polo grupo Caivanca, que irá seguido dun xantar; ás cinco da tarde actúan Leña Verde e outros dous grupos. Pensando no futuro, Óscar Trigo salienta que foi entrando xente nova, polo que se pode supoñer que haberá festas para outras celebracións coma a de mañá.