Sarria celebra o Esmorga Fest os días 25 e 26: «Este é un festival moi acolledor e familiar, cun público fiel»
LUGO
Unhas 700 persoas gozarán da música independente de bandas emerxentes e de outras consolidadas, como Triángulo de Amor Bizarro, Nudozurdo ou Ghostwoman. Diego García é un dos organizadores do evento musical
16 oct 2024 . Actualizado a las 18:29 h.Todo a punto para o Esmorga Fest, «o festival underground actualmente máis consolidado en Galicia», en palabras dos seus organizadores. Esta cita coa música independente, que este ano chega á súa novena edición, terá lugar en Sarria os días 25 e 26 deste mes. Tomando como referencia os datos de anos anteriores, unhas 700 persoas gozarán dunha vintena de bandas de estilos variados, tanto emerxentes como consolidadas, como é o caso de Triángulo de Amor Bizarro, que conmemoran vinte anos sobre os escenarios; os canadenses Ghostwoman, cun estilo pop-rock psicodélico; Nudozurdo ou Perro. Haberá actuacións gratuítas e outras de pago, para as que se poden mercar as entradas desde a web esmorgafest.com, con abonos a 45 euros para os dous días de festival. Hai tamén a posibilidade de mercar billetes para acudir solo un día. Diego García é un dos organizadores deste festival.
—Que novidades ofrece este ano o Esmorga Fest?
—Seguiremos na liña dos anos anteriores, cun cartel no que conviven grupos consolidados xunto a outros emerxentes, tanto locais, como nacionais e internacionais. O festival terá dúas ubicacións: a Sala Litmar, que será a parte con entrada, e La Unión, a zona gratuíta, onde terá lugar o Esmorguiña e na que haberá actividades infantís, zona gastronómica, sesión vermú...
—Canta xente se espera que acuda este ano?
—O ritmo de venda de entradas é similar ao dos anos anteriores, así que contamos cunhas 700 persoas, como nas edicións pasadas. Unha das características deste festival é que a maior parte da xente que acude é de fóra da provincia ou de fóra de Galicia. Hai moitos adeptos que repiten, así que contamos cun público moi fiel. Este é un festival moi acolledor e familiar, acabámonos coñecendo entre todos. O ano pasado incluso veu unha parella que celebraba a súa lúa de mel, e acudiron ao Esmorga porque foi aquí onde se coñeceron.
—Que supón para Sarria un festival que atrae a tanta xente?
—Supón que a fin de semana do festival se produce unha grande actividade con cheos na hostalería e nos aloxamentos. Precisamente este é un dos motivos polos que nos imos a datas como outubro, abril ou maio, para contribuír a reactivar a actividade turística e hostaleira do pobo, e tamén por non competir con outros festivais cos que tampouco estariamos en condicións de competir.
—Como se xestiona todo ese traballo de organización?
—Pois somos unhas sete persoas que traballamos na organización, sen ánimo de lucro: cada ano imos sacando o diñeiro suficiente para sufragar os gastos da organización e un pequeno remanente que empregamos para mellorar as seguintes edicións. Hai moito traballo detrás do Esmorga: deseño, inscricións, produción... e intentamos facelo da forma máis seria e profesional posible coidando de que todo o mundo se sinta a gusto. Tamén temos que dicir que, sen o apoio institucional da Xunta, a Deputación e o Concello, isto sería imposible. Tamén contamos coa colaboración de SON Estrella Galicia.
Actuacións
Venres 25
Atención Tsunami, Cora Yako, Ezpalak, Los Manises, Mourn, Nudozurdo y Schulz DJ.
Sábado 26
Triángulo de Amor Bizarro, Bernal, Carmela, El Chico López, Ghostwoman, Maquina, Músculo!, Perro, Terror Erótico, Jor Ginho, Sutan, Terrae DJs y Tristón DJ.