50 anos de pedagoxía

LUGO

03 dic 2024 . Actualizado a las 16:16 h.

Onte, no Pazo nobre de Fonseca de Santiago de Compostela, tivo lugar o quincuaxésimo aniversario da creación da titulación de pedagoxía na nosa Universidade. O filósofo Carlos Baliñas Fernández fixo un repaso, que foi moito máis alá do relato, de como, a partir da antiga titulación de Filosofía e Letras, se foron conformando eidos específicos de estudo e remontouse á antiga Grecia para dar unha visión panorámica coa atención posta na educación. Logo, viñeron as verbas emocionadas dos membros da primeira promoción e o peche prospectivo e entusiasta dun graduado da máis recente, que rematou citando aquel coñecido poema de Gabriel Celaya no que o papel do docente se equipara ao de quen pon motor a unha barca, que navegará lonxe e máis alá de nós. Foi, en conxunto, un acto solemne e emotivo, que puxo en valor a pedagoxía e a educación, dous dos peares básicos da xustiza social.

Todo isto tórnase especialmente significativo nun intre que semella ser unha encrucillada para os servizos públicos e, moi especialmente, para a universidade. As persoas que puidemos estudar grazas a unha universidade pública de calidade temos un compromiso de retorno que nos compromete a transferir as mesmas oportunidades á seguinte xeración e debemos esixir que os servizos públicos se sosteñan. O avance social do último cuarto do século XX foi, en grande medida, resultado da educación universal (que era o soño da Ilustración) e, por máis que hoxe impere o escepticismo posmoderno, moitos, con Habermas, pensamos que aínda cómpre sermos utópicos e crer que a educación é un dereito de todos.

Onte, no acto, varios participantes desexaron, parafraseando a Cunqueiro, outros 50 anos para os estudos de pedagoxía. Desexémolos, tamén, con toda a forza, para a universidade pública, garante do mundo que non só fomos quen de soñar senón tamén de traer á realidade. Agora cómpre preservalo fronte á destrución e a barbarie.