Lugo estrea documental: «Igrexa e Imperio aliáronse para desfacerse de Prisciliano. Este filme busca xustiza histórica»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Aser Álvarez, na rodaxe do filme en Santa Eulalia de Bóveda
Aser Álvarez, na rodaxe do filme en Santa Eulalia de Bóveda ALBERTO LÓPEZ

Aser Álvarez dirixiu «Prisciliano e a Gallaecia», un traballo que indaga na figura do bispo do século IV, clave na historia europea e condenado a morte por herexe. Proxectarase este mércores, día 4, na Deputación

03 dic 2024 . Actualizado a las 12:46 h.

Lugo acolle o mércores 4 a estrea do documental Prisciliano e a Gallaecia, dirixido por Aser Álvarez González e producido por Arraianos Producións. O filme ve a luz 1639 anos despois da decapitación do bispo do século IV na cidade alemá de Tréveris, co obxectivo de indagar na figura dun personaxe esencial na historia europea e que acabou sendo condenado a morte por herexe. A estrea desta curtametraxe divulgativa, pero feita con rigor, terá lugar ás 20.00 horas no salón de actos da Deputación, nun acto con entrada libre e de balde.

—Por que nace este documental?

—A verdade é que foi unha encomenda que me fixo Ramón Chao antes de morrer, despois de ver o documental que fixen sobre Celso Emilio Ferreiro. Despois fixen outro sobre o propio Ramón Chao, O camiño de Ramón Chao, pero ao rematar vin que era o momento de cumprir coa encomenda.

—Que aporta este filme?

—É unha primeira achega á figura de Prisciliano, bispo de Ávila, moi importante na Europa do século IV e inxustamente tratada pola historia. O obxectivo foi rescatar a figura de Prisciliano, que no mundo académico é un personaxe moi tratado e estudado, pero que non é así no mundo popular.

—Como se levou a cabo todo o traballo de investigación e documentación?

—Pouco a pouco. Eu xa tivera unha primeira achega a raíz da película A vía láctea, de Luis Buñuel, pero foi Ramón Chao quen me puxo sobre a pista de Prisciliano. Na curtametraxe participaron os maiores especialistas na figura de Prisciliano de todo o mundo: profesores de Italia, Alemaña, Francia, Estados Unidos, España e Portugal expuxeron as conclusións das súas investigacións a través de entrevistas. Consultamos os textos clásicos, mesmo os de Otero Pedrayo e Castelao [definiu a Prisciliano como a «alma mística de Galicia»]. Tamén falamos co doutor en Teoloxía Victorino Pérez, co doutor en Historia Enrique Montenegro, co doutor en Historia Antiga e arqueólogo Diego Piay Augusto, que fixo a súa tese doutoral sobre Prisciliano... Ao final, é un pequeno documental, moi asceta, pero coa idea de facer algo máis amplo, a modo de preprodución para algo máis extenso. Este é un itinerario pola Gallaecia, buscando os vestixios de Prisciliano e dialogando cos expertos. Imos buscando as pegadas de Prisciliano e dos lugares onde poden estar os seus restos porque hai varias teorías. Ao final, a idea é que o público saia con ganas de saber máis.

—Hai moitos mitos arredor da figura de Prisciliano?

—É unha figura moi descoñecida, sobre todo en Galicia, que parece que temos certo complexo con isto. Nesta Galicia borrosa hai poucas certezas, pero é posible manter un relato sobre o que foi Prisciliano. Sabemos que naceu na Gallaecia e que foi enterrado probablemente no noroeste peninsular. Foi un home que espertou moita animadversión, denunciaba a corrupción da Igrexa... Foi unha figura moi importante, un avanzado ao seu tempo, un rebelde, que mesmo está detrás do xurdimento da propia idea de Europa. El pregoaba un retorno ás orixes, pero era un asceta, non un herexe. Era moi culto, estudara en Burdeos e procedía dunha familia de moito diñeiro. Creo que a propia Igrexa se arrepentiu do que fixeron e por iso se esqueceu a súa figura.

—Por que o mataron entón?

—El era un home incómodo, que predicaba co exemplo, denunciando a hipocrisía e a corrupción e mesmo defendía que as mulleres puideran ser sacerdotisas. Así que Igrexa e Imperio, sendo emperador Magno Máximo, aliáronse para desfacerse de Prisciliano. E este filme busca xustiza histórica. A el fixéronlle varios concilios e finalmente decidiu someterse á xurisdición civil, pero foi torturado e finalmente acúsano de «maleficium», é dicir, maxia nociva, mala acción, e decapítano en Tréveris. Ademais, quédanse cos seus bens e cos dos discípulos seus aos que tamén decapitaron.

—Que lugares recorre o documental?

—A curtametraxe serviu para recorrer os principais xacementos arqueolóxicos da antiga provincia romana de Gallaecia vinculados coa historia de Prisciliano e o priscilianismo nas fontes escritas e na historiografía. Na provincia de Lugo visitáronse Santa Eulalia de Bóveda, que se vinculou co posible lugar de enterramento de Prisciliano; e tamén Quiroga, onde aparecera un crismón [conservado no Museo Diocesano de Lugo] cunha lenda priscilianista. Tamén se visitaron o Facho de Donón, Os Martores, Astorga, Olmeda ou Ávila

—Por que se elixiu Lugo para a estrea?

—A antiga Lucus Augusti tivo unha grande importancia na Gallaecia romana, era unha das cidades máis importantes. E nesta zona o movemento priscilianista contou con moitos adeptos.