Carlos Rebolo, actor: «É moi difícil visibilizar fóra o teatro profesional de Lugo»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Carlos Rebolo, con «Instrucións para tomar café»
Carlos Rebolo, con «Instrucións para tomar café» ITACA TEATRO

O narrador lucense prepara coa compañía Ítaca Teatro un novo espectáculo, «Profetas», que estrearán en abril. Trátase dunha coprodución co CDG baseada nunha obra premiada de Ernesto Is e coa que esperan xirar por toda España

17 dic 2024 . Actualizado a las 12:48 h.

O actor e narrador lucense Carlos Iglesias Rebolo leva interpretando desde que ten uso de razón. A paixón por esta arte, da que fixo tamén o seu oficio, comezou de cativo. Nos anos noventa estreouse no teatro amador e a principios deste século mergullouse no profesional. Nesta intensa traxectoria, ademais de actor e narrador, desempeñou funcións de director e de profesor. É membro fundador da compañía amateur Hipócrita Teatro, que leva dúas décadas dinamizando a oferta cultural da cidade; dirixe o grupo de teatro amador do HULA, formado por traballadores do hospital; colabora coa compañía profesional Pinconús Teatro; creou no 2018, xunto a Elea López, a compañía de teatro profesional Ítaca Teatro... Precisamente con esta formación estreou hai unhas semanas a peza Instrucións para tomar café e en abril esperan estrear a sexta montaxe de Ítaca, Profetas, unha coprodución co Centro Dramático Galego (CDG) baseada nunha obra premiada coa que esperan xirar por toda España.

—Esta intensa actividade obedece á súa paixón polo teatro ou é unha cuestión de supervivencia?

—Pois hai un pouco de todo. En primeiro lugar, o teatro é a miña paixón, eu son feliz no escenario e sempre estou aberto a traballar con calquera compañía. Pero tamén é certo que este oficio é un pouco precario. Así que, ou tes unha compañía propia ben consolidada ou tes que alternar traballos con varias compañías.

—Como está sendo a acollida do seu último espectáculo con Ítaca?

—Trátase dun espectáculo de narración oral, Instrucións para tomar café, baseado no libro homónimo de Manuel Núñez Singala. Estreámolo no FIOT de Carballo en outubro e o mes pasado na Biblioteca de Lugo. Nel combino historias dos contos do libro, en moitos casos, anécdotas brillantes, con recordos da miña infancia, a modo de autobiografía ficcionada cun formato de contos para adultos, e está gustando moito. Estou eu só en escena, onde comparto recordos que en moitos casos son dun universo común, así que a xente séntese moi identificada.

—Están xa traballando na seguinte montaxe?

—Si, en Ítaca Teatro estamos traballando noutra proposta para o futuro, en formato máis grande, que estrearemos en Lugo en abril. O sexto espectáculo de Ítaca será Profetas, que será a estrea do texto escrito por Ernesto Is, un autor que leva publicadas varias obras, algunhas delas, premiadas, como é o caso desta, xa que Profetas recibiu no 2021 o Premio Abrente de Textos Teatrais na MIT de Ribadavia. Como actores estamos Elea López e mais eu, contamos no equipo de traballo con Ernesto Is, o autor, como asesor dramatúrxico, e como director está Carlos Álvarez Osorio. Témoslle moitas ganas porque vai ser o primeiro espectáculo que facemos en coprodución, co que xiraremos por toda a provincia, temos intención de ir tamén á MIT de Ribadavia e contamos coa opción de traducir o espectáculo ao castelán, co que poderemos presentalo fóra de Galicia.

—En que outros proxectos está traballando na actualidade?

—Coa compañía de teatro profesional Pinconús Teatro presentamos esta semana unha comedia musical: o sábado en A Pontenova e o domingo en Escairón. Trátase dun espectáculo familiar, con música en directo composta por Piti Sanz, e baixo a dirección de José Campanari. Ademais, a compañía de teatro do HULA, que dirixo desde hai sete anos, estrea este xoves As apariencias enganan, con catro micropezas.

—Como valora a situación do sector teatral en Lugo?

—Hai máis compañías de teatro das que poida parecer. O que pasa co teatro en Lugo é que é moi difícil visibilizar fóra o teatro profesional que se fai en Lugo. Máis aló das nosas fronteiras teñen a percepción de que aquí hai, esencialmente, teatro amador, non profesional. Iso a pesar de que a provincia conta con máis dunha ducia de compañías profesionais. E débese, en parte, ao éxito do programa Buxiganga, da Deputación, que foi un caldo de cultivo para as compañías afeccionadas e que as deu a coñecer fóra da provincia. Foi un bum, un grande éxito. Tamén a Fegatea permite ás compañías rular por toda Galicia. Pero a nivel profesional non hai tanta presenza, quizais por descoñecemento, non se crearon tantos tecidos e dependemos máis de concellos e deputacións. Por iso creo que é importante visibilizar o teatro profesional lucense, que abarca monicreques, familiar, adultos, pequeno e gran formato...