Adrián Gómez, da asociación de Lugo San Xoán de Pena: «A historia de Nadela está ligada ás feiras»
LUGO

A carballeira centenaria acollerá a tradicional Feira do Entroido o 22 de febreiro con gastronomía, artesanía, música e concurso de disfraces
15 ene 2025 . Actualizado a las 12:57 h.A Feira do Entroido de Nadela volverá celebrarse baixo a organización, por segundo ano consecutivo, da Asociación Veciñal San Xoán de Pena, que recuperou no 2024 o tradicional mercado, tralo parón que había desde o 2020. Este ano terá lugar o sábado 22 de febreiro, e os vendedores e expositores que estean interesados en participar xa poden anotarse chamando aos teléfonos 667 244 810, 647 935 874 ou 697 905 430. Adrián Gómez López, presidente da asociación San Xoán de Pena, é un dos organizadores —xunto a Tani e Pablo—, que avanza os detalles desta nova celebración.
—Como será o programa deste ano?
—A nosa intención é repetir o esquema do ano pasado, debido á boa acollida que tivo. Pola mañá abriranse os postos da feira sobre as dez, haberá música tradicional a modo de pasarrúas, pregón e sesión vermú. E pola tarde, de novo música e baile e concurso de disfraces.
—Cantos expositores participarán?
—Haberá postos de artesanía e alimentación, entre eles, os produtos máis típicos do Entroido. Por agora hai bastantes anotados, pero aínda está aberto o prazo para inscribirse. Ademais, mesmo houbo persoas que contactaron con nós antes da apertura do prazo, vese que a xente ten interese por participar, así que prevemos superar o número de expositores do ano pasado, que estivo arredor dos oitenta.
—Cal é a importancia desta feira para Nadela e os arredores?
—A historia de Nadela está ligada ás feiras. Agora mantense dúas veces ao mes, aínda que o que máis permanece é o polbo. Ademais, a de Nadela é a única feira que se conserva no concello de Lugo. E esta que estamos organizando, en concreto, marca o inicio do Entroido e sempre ten moi boa acollida.
Preparan actos para o 160 aniversario dos mercados na carballeira
A Asociación Veciñal San Xoán de Pena tamén está traballando na celebración do 160 aniversario da celebración das feiras de Nadela na centenaria carballeira. Os primeiros dos actos levaranse a cabo o domingo 23 de febreiro.
—Que actos teñen previsto celebrar?
—É a conmemoración do inicio das feiras, a finais do século XIX. Desde entón, sempre se fixeron na carballeira, nunca cambiaron de lugar. Para celebralo, estamos organizando algún pequeno acto, entre eles, estamos compilando fotografías antigas das feiras de Nadela para facer unha exposición.