Javier Pajón, coordinador de Airiños de Orbazai: «É un éxito ser dos primeiros en estrear o auditorio de Lugo»
LUGO

A agrupación de música tradicional presentará o seu segundo traballo, «Orixe», o sábado 1 no recentemente inaugurado Fuxan os Ventos
21 ene 2025 . Actualizado a las 12:09 h.A agrupación de música tradicional Airiños de Orbazai será un dos grupos que actuará nestas primeiras semanas de vida activa do Auditorio Municipal Fuxan os Ventos. Farao o sábado 1 de febreiro, ás 20.30 horas. As entradas estarán dispoñibles por 2 euros na web entradaslugo.es e o mesmo día do concerto no despacho de billetes do propio auditorio.
O Grupo de Cantos Populares e Música Tradicional Airiños de Orbazai presentará nesa actuación o seu novo traballo discográfico, o segundo, Orixe. Trátase dun disco composto por dez versións propias de temas populares da música tradicional galega. Nel, medio cento de músicos mesturan os instrumentos da música tradicional galega (tamboril, bombo, gaita, pandeiretas e pandeiros) con outros como o acordeón, guitarras acústicas, violíns, chelo, contrabaixo, frauta traveseira, saxo, clarinete, trombón, trompeta... sempre acompañados cos coros de voces femininas e masculinas.
Javier Pajón, coordinador da agrupación, ofrece todos os detalles sobre esta actuación.
—Como será o concerto do día 1?
—Será a presentación do disco que acabamos de sacar, Orixe, pero tamén interpretaremos temas do anterior disco. Ademais, haberá sorpresas, como a actuación de varios colaboradores.
—Que significa para o grupo actuar no Fuxan os Ventos?
—Para unha agrupación local como a nosa, é un éxito ser dos primeiros en estrear o novo auditorio. Somos un grupo pequeno dunha asociación pequena, aínda que somos moitos integrantes, polo que tamén necesitamos un espazo amplo.
—Cantas persoas compoñen Airiños de Orbazai?
—Somos cincuenta persoas de entre 15 e máis de 80 anos, todos amantes da música galega, algúns amateurs e outros músicos profesionais.
—Como se coordina un grupo tan heteroxéneo?
—Ese é o traballo que me toca facer a min [ri]. É difícil, pero lévase ben porque hai moi bo ambiente, é todo moi familiar, xente unida por lazos familiares, pero tamén persoas alleas que se foron integrando, de Orbazai e doutros lugares.
—Como naceu o grupo?
—Foi no 2010, e todo comezou a raíz das típicas comidas veciñais. Sempre había dous ou tres que se botaban a tocar algo e ían arrastrando ao resto. Ademais, Orbazai sempre foi unha parroquia moi unida. A raíz diso, empezaron a dar clases de música e no 2011 organizouse a primeira foliada, que se celebra sempre o primeiro sábado de xuño. Entrou Lis Latas como director musical e no 2014 sacaron o primeiro disco. Coa pandemia, a cousa decaeu algo, pero entramos novos coordinadores, recuperamos a Lis Latas e volveuse impulsar a actividade.
—Cal é o estilo de Airiños de Orbazai?
—Temos un estilo propio. Partimos dunha base de música tradicional e popular e adaptámola ao noso estilo, facendo versións propias. É unha banda de gaitas, pero mesturada con voces, violíns, chelos, contrabaixos, frautas...