Olga Díaz, presidenta da asociación Pepe Barreiro: «O carril bici nunca falta nos ferretes do Enterro da Sardiña de Lugo»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Olga Díaz, de branco e vermello, na cabeza da comitiva do Enterro da Sardiña o ano pasado
Olga Díaz, de branco e vermello, na cabeza da comitiva do Enterro da Sardiña o ano pasado ALBERTO LÓPEZ

Procesión, música, teatro, disfraces e moita sátira encherán de festa o centro da cidade o 5 de marzo

22 ene 2025 . Actualizado a las 12:12 h.

Lugo comeza xa a prepararse para o Entroido, que, como cada ano, rematará co tradicional Enterro da Sardiña, que este 2025 será o mércores 5 de marzo. Esta cita clásica do Entroido lévase organizando na cidade desde principios dos anos oitenta e desde o 2000 a coordinación corre a cargo da Asociación Cultural Pepe Barreiro, que preside Olga Díaz López.

—Como será o programa de actos deste ano?

—Será como en anos anteriores, e cun percorrido similar. A procesión do 5 de marzo sairá ás 20.00 horas do Círculo das Artes e contará coa colaboración dos Estoupacaldeiros, a Charanga CDV Band e o Orfeón Xoán Montes. Ademais, haberá ensaios previos dos cánticos, ás 20.00 horas no Círculo: o martes 4 de febreiro, só para a Charanga CDV Band, dirixidos por Nicolas Ravelli e Israel Barrera (para os que cantan); e os martes 11 e 25, para todo o público que queira participar. Como novidade, este ano contaremos cunha charla o mércores 19 de febreiro. Será no Vello Cárcere, ás 20.00 horas, e correrá a cargo de Celso Méndez Fraguas, presidente do Ateneo Santa Cecilia, de Marín, baixo o título O Enterro da Sardiña de Marín. Un enterro singular e único. Festa de interese turístico de Galicia.

—Ata cando se pode participar no concurso de ferretes?

—Abriu o prazo esta semana e pechará o 17 de febreiro ás 14.00 horas. Cada ano participan unha vintena de persoas.

—Que temáticas agardan este ano?

—A actualidade municipal sempre é protagonista destas coplas satíricas, pero este ano non sei cales serán os novos temas elixidos. Os asuntos que si que se repiten, ano tras ano, son o tren, a intermodal, os problemas de estacionamento... e o carril bici, desde que existe, nunca falta nos ferretes do Enterro da Sardiña.ç

—Cantas persoas participan no Enterro?

—O ano pasado foron un cento de persoas, pero a cifra aumenta en cada edición, ao igual que o número de socios. A posta en escena do Enterro contará cos personaxes de sempre: o Gran Espetón, que é a persoa encargada de ler os ferretes; o Gran Escarpinante, portador da sardiña; o Someigo Maior, que actúa a modo de alcalde; os Pidórnigos, como sancristáns; o xuíz, para levantar o cadáver; as choronas; os Lagaricías, que levan os pendóns; os músicos, o público...

—Vai en aumento o interese por esta celebración?

—Cada vez somos máis, súmase xente ano tras ano, tanto á comitiva como á asociación. O único problema é que non conseguimos chegar á poboación máis nova, os que se unen soen ser persoas máis maiores.

Os ferretes, un clásico do Enterro

A Asociación Cultural Pepe Barreiro organiza o XX Concurso de Ferretes, que deberán ser escritos en lingua galega e o seu contido fará referencia a acontecementos de actualidade local, provincial ou galega. Primarán a orixinalidade, o enxeño, a crítica e mesmo o escarnio, no tratamento das temáticas social, política, cultural, deportiva... O retrouso, que se irá repetindo entre estrofa e estrofa, terá que ter catro versos heptasílabos, e os ferretes recitados, entre catro e seis versos.

Os traballos entregaranse na delegación del Cultura do Concello de Lugo (edificio da Praza Maior), ata o día 17, nun sobre dirixido á Asociación Pepe Barreiro, no que figurará como remitente un pseudónimo, mentres que dentro do sobre grande, co traballo, meterase un sobre pequeno cos datos persoais. Os premios son os seguintes: retrouso, 150 euros; primeiro premio, 100 euros; segundo, 50; terceiro, 30; e 17 premios de 10 euros cada un. Tamén se poderán conceder accésits de 10 euros.