
O Pazo de San Marcos acolle «Crear porvir», comisariada por Henrique Monteagudo
10 abr 2025 . Actualizado a las 12:26 h.A Editorial Galaxia celebra o seu 75 aniversario coa apertura en Lugo da exposición itinerante Crear porvir. 75 aniversario Editorial Galaxia. Trátase dunha mostra que percorre a historia da editorial, desde a súa fundación en 1950 ata a actualidade, salientando o seu papel clave na evolución cultural da Galicia contemporánea e a súa proxección exterior. A exposición poderase visitar ata o 11 de maio na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos, de luns a sábado.
A mostra está comisariada por Henrique Monteagudo, catedrático da USC, director da Cátedra Castelao e da revista Grial e recén nomeado presidente da Real Academia Galega; María Dolores Villanueva, profesora de literatura galega; e Xosé Manuel Dasilva, catedrático da facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.
A exposición articúlase en catro bloques temáticos, que convidan a percorrer a literatura e os seus autores, desde o Rexurdimento ata a xeración do novo milenio; o ensaio e o pensamento galegos; a tradución e a proxección internacional; e a literatura infantil e xuvenil, onde Galaxia foi pioneira. Ao longo destes 75 anos, Galaxia publicou preto de 3.500 títulos, apostando pola dignidade e a normalización da nosa lingua e cultura.