O mestre de Guitiriz Manuel Castro Santamariña debuta na novela: «A historia parte dun apagón nunha aldea»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Manuel Castro, cun exemplar de «A noite que se foi a luz».
Manuel Castro, cun exemplar de «A noite que se foi a luz». CEDIDA

O autor propón en «A noite que se foi a luz» unha reflexión e un debate sobre algunhas das súas inquedanzas: o problema da lingua, o abuso das pantallas ou a perda de transmisión cultural interxeracional

20 may 2025 . Actualizado a las 12:12 h.

Manuel Castro Santamariña (Guitiriz, 1958), activista e dinamizador cultural e mestre xubilado, debuta na literatura de ficción publicando a súa primeira novela, A noite que se foi a luz (Xermolos, 2025). Cunha traxectoria indiscutiblemente comprometida coa cultura galega e, en particular, coa chairega, ten colaborado en moitas publicacións, foi presidente do Iescha e mesmo publicou no 2013 o libro Cancioneiro das Terras de Aranga.

Chega agora A noite que se foi a luz, que presentará este venres, día 23, ás 20.00 horas, na Escola Habaneira de Guitiriz. No acto intervirán, ademais do propio autor, Alfonso Blanco Torrado, Pastora Veres Rosende e Xoán Carlos Vivero López. Despois desta presentación, tocarán outras en Vilalba, Lugo, Betanzos...

—Como nace esta novela?

—Naceu na pandemia, que foi unha época na que tiña máis tempo. A verdade é que non tiña unha historia na cabeza, pero si a inquedanza de certos problemas que vexo eu na evolución social, e procurei plasmalos no libro. É unha novela ficticia, pero, como dicía Agustín Fernández Paz, «escribimos cos fíos da vida», así que hai aspectos que están tomados da realidade. Eu non son escritor, só afeccionado, e a intención desta obra era, ao principio, case documental, máis ca de ficción, pero empecei a escribir e unha páxina íame pedindo outra.

—Cales son esas inquedanzas?

—A situación da lingua ou o abuso das pantallas, que chega á absorción, son problemas graves sobre os que se precisa un debate e unha reflexión, pero tamén a perda da transmisión cultural interxeracional.

—Sobre que trata a novela?

—A historia parte dun apagón nunha aldea. Trátase dun rapaz que vai pasar a fin de semana cos avós e vaise a luz, pero non podo avanzar moito máis.

—A situación e o propio título semellan case premonitorios.

—Si, pero evidentemente non ten nada que ver. O libro saíu unha semana antes do apagón de abril.

—Está ambientado en Guitiriz?

—Si, aínda que a verdade é que se podería extrapolar a calquera outro lugar. Pero o feito de ambientala na miña terra de orixe facilitoume argallar a historia e incluír lendas e tradicións orais da zona.

—A que público vai dirixido?

—É unha historia para adultos, pero que poden e deben ler os rapaces. A miña intención é que os temas que se tratan poidan ser motivo de reflexión e de debate.

—Vai haber unha segunda novela?

—Escritos si que teño, e eu seguirei escribindo, pero non teño intención de publicar outra novela.