A Volta do Agro, 30 anos espallando a cultura galega desde Lugo: «Para que o patrimonio musical siga vivo, hai que compartilo»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

A Volta do Agro celebra trinta anos
A Volta do Agro celebra trinta anos CEDIDA

A asociación de música e baile tradicional celebra o seu aniversario con concertos, obradoiros monográficos e a recuperación dun festival de música de raíz, o Zumbanocoiro

22 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Trinta anos espallando a cultura tradicional galega. É o que leva facendo, desde 1995, o Obradoiro de Cultura Tradicional Galega A Volta do Agro, de Lugo. Este é un ano especial para a asociación de música e baile, que está celebrando o seu aniversario con numerosos concertos, obradoiros monográficos e a recuperación dun festival de música de raíz, o Zumbanocoiro. O remate dos actos de celebración terá lugar a finais de ano: «Será un fin de festa sorpresa, que suporá un punto e seguido para a actividade de A Volta do Agro», explica Senén Montero, presidente do colectivo.

A recuperación do festival Zumbanocoiro foi unha das iniciativas máis destacables da celebración do trinta aniversario, coa actuación na Horta do Seminario de grupos de renome como Ailá, Tiruleque, Xosé Lois Romero ou Aliboria. «A nosa intención é que o festival teña continuidade e se consolide como unha cita grande de referencia na música de raíz tradicional, con grupos de renome, posto que non hai ningún evento deste tipo fóra do espazo do San Froilán», explica Montero. A resposta do público e dos músicos non puido ser mellor: «Houbo moita xente, e os artistas dixéronnos que en poucos sitios viran a tanta xente bailando. De feito, case o 90 % do público estaba bailando», continúa o presidente de A Volta do Agro. Para Montero, isto é sinal de que «podemos ir a máis», que merece a pena apostar por este tipo de iniciativas, que paga a pena que as Administracións dean o seu apoio e que «a xente quere participar nas festas».

Imaxe do grupo A Volta do Agro en 1995, ano da súa creación
Imaxe do grupo A Volta do Agro en 1995, ano da súa creación

O traballo de A Volta do Agro comezou en 1995. Senén Montero, que ademais é socio fundador, explica que o obxectivo era facer unha aposta firme pola cultura tradicional galega, complementando con música, baile, pandeireta, canto... de maneira familiar, onde todos tivesen voz e voto. Dedicáronse tamén desde un primeiro momento ás recollidas de música tradicional e a transmitilas nas clases.

Repertorio con recollidas

Desta forma, contan cun amplo repertorio de música, baile e canto enteiramente composto por recollidas feitas por eles mesmos ou por outras asociacións de toda Galicia. Neste sentido, Montero destaca que cada vez hai un intercambio maior entre asociacións: «Hai anos cada un facía as súas propias recollidas e case non se compartían. Hoxe en día, iso cambiou, hai moita colaboración entre as distintas asociacións e compartimos as recollidas; nós, por exemplo, temos moitas da zona da montaña, que era onde máis se conservaban. Cada vez hai máis intercambio e iso é moi positivo porque para que o patrimonio musical siga vivo, hai que compartilo», opina o presidente de A Volta do Agro.

Máis de 200 persoas dan vida á asociación

A masa social de A Volta do Agro está composta por unhas 200 persoas, que participan en cursos e outras actividades, mentres que do grupo forman parte 24 persoas. Ademais dos obradoiros de baile, pandeireta, gaita, canto... este ano organizaron charlas e obradoiros especiais monográficos (colares, pandeiros, máscaras de entroido, baile, pandeireta...), a cargo de reputados profesionais, como Xisco Feijoó, Fran Sieira, Xosé Manuel Seixas...

Senén Montero: «Os concertos de música en galego están cheos de xente nova»

En canto á situación na que se encontra a música tradicional, Senén Montero compáraa cunha etapa de montaña de ciclismo, con subidas e baixadas. «A finais dos 90 houbo un bum, co éxito de grupos como Berrogüetto, Carlos Núñez... E todos aproveitamos ese tirón», sinala Senén Montero, presidente de A Volta do Agro. Pero posteriormente chegou un baixón que agora se está a superar: «A música galega volve estar nun bo momento, hai moita demanda nos cursos, os concertos de música en galego están cheos, sobre todo, de xente nova, retómanse os festivais.... E incorpóranse moitos artistas, que veñen da tradición, con xéneros novos, como a electrónica. Esperemos que esta situación continúe», explica.