A música tradicional galega está en auxe: medra nos festivais, nas aulas e no interese da mocidade

Lucía Campos LUGO / LA VOZ

LUGO

Feira do 48, organizada por Cántigas e Frores
Feira do 48, organizada por Cántigas e Frores REBECA

Nos últimos anos a música tradicional pasou de estar «relegada» a ocupar un lugar protagonista nos carteis das festas grazas á proliferación de novas agrupacións

01 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A música galega e o baile tradicional están a atravesar un dos seus momentos máis brillantes nas últimas décadas. Lonxe de desaparecer ou quedar reducidos a celebracións locais ou grupos de veteranos, hoxe ocupan un espazo central en festivais, actividades culturais e mesmo no lecer da mocidade galega. O que antes era visto como un sinal de pasado, é agora símbolo de identidade, orgullo e modernidade. Un fenómeno que se sente con forza nos escenarios, nas escolas de música e baile, e no día a día das vilas e cidades.

Esta pasada fin de semana foi boa mostra do auxe que vive o xénero. Só na provincia de Lugo celebráronse tres festivais que apostan pola música galega: a Feira do 48 en Lugo, Rumboia Viva en Abadín e O Son da Aldea en San Xoán de Toldaos (Pantón). Espazos que mesturan tradición e innovación, e nos que os sons da gaita, da pandeireta ou do acordeón conviven coa poesía, o baile e as propostas máis actuais.

«Durante moitos anos eramos os raros por tocar a gaita. Hoxe a situación mudou completamente. Agora a xente interésase máis pola nosa cultura e por aprender a bailar ou tocar», explica Anxo Vilabrille, presidente da Asociación Cultural Cántigas e Frores, entidade organizadora da Feira do 48.

Cambio na percepción pública

Vilabrille considera que a música tradicional pasou de estar «relegada» a ocupar un lugar protagonista, e destaca que hoxe hai grupos que «teñen moito tirón entre a mocidade», algo que non era tan común hai menos dunha década. «O momento das Tanxugueiras en Eurovisión foi un punto de inflexión, pero non o único. Foi o impulso que fixo que moita xente se dera conta de todo o que se pode facer coa nosa música», apunta o bailador.

Pero as escolas tradicionais tamén o notan. Ismael Carcedo, profesor de baile en varias localidades da montaña lucense, confirma o crecemento da demanda: «Cada vez hai máis xente interesada en aprender. Moitos veñen ás clases para poder bailar nunha foliada ou nun concerto».

Carcedo subliña o cambio de contexto: «Antes o gaiteiro era o que tocaba na procesión e na sesión vermú. Hoxe en día hai grupos que son cabeza de cartel e enchen festas pola noite. A música tradicional pasou de ser fondo a ser protagonista».

Tamén en Lugo cidade, Xabier Iglesias, director da escola Oxeito, asegura que nos últimos anos notaron un incremento de alumnado en actividades como pandeireta ou baile tradicional: «Non só se apuntan os nenos, tamén xente de 20 e 30 anos, posiblemente polo auxe de novos grupos e da modernización da música tradicional».

Novos referentes

Anxo Vilabrille considera que isto está en boa parte influenciado polo traballo que están a facer grupos como Baiuca, As Fillas de Cassandra, Mondra ou Ailá, que «modernizan o son sen romper coas raíces».

Esta fusión entre pasado e presente é clave para entender o éxito actual. Grupos que mesturan electrónica e música tradicional, que reivindican o feminismo a través das coplas, que actualizan o repertorio popular con novas letras ou estilos. Un fenómeno que non nega a tradición, senón que a expande, resignifica e abre a novos públicos.

«Moitas veces escoitamos que todo isto é unha moda, pero esperemos que non sexa así. A música tradicional é parte do noso ADN, é a nosa forma de estar no mundo, e o que está a suceder agora é unha oportunidade única para que sexa recoñecida e valorada como merece», sinala Vilabrille.

Os músicos, bailaríns e docentes reclaman que non se vexa o folclore como algo de «encher» ou «decorar» festas, senón como unha manifestación cultural. «O importante agora é que isto se manteña, que non quede nun pico de interese», advirte Carcedo. «Cando os meus alumnos de hoxe sexan adultos, serán eles os que teñan que continuar esta cadea», conclúe.