
O emblema actual aprobouse nos anos oitenta tras consultar documentación dos Andrade
12 ago 2025 . Actualizado a las 18:47 h.Hai noticias que resultan curiosas. En días pasados concelleiros de Vilalba debateron con tempo e gravidade propia do cargo o modificar o escudo da vila por considerar que tiña unha lenda relixiosa. Tras coñecemento oportuno, o paciente lector de inmediato reflexiona sobre o aforismo que manifesta que o malo non son as ocorrencias, senón o tempo e as enerxías que gastar para desmontalas.
Descoñecemos qué estudos previos realizaron antes de intercambiar opinións, pero supoñemos que non moitos dos alí presentes repararon polo miúdo no escudo nobiliario que campa na cara nor-noreste da octogonal torre da homenaxe do que foi castelo de Vilalba. Non debeu haber moita curiosidade por saber o simbolismo que ostentaba cando o mandou colocar Diego de Andrade en 1485, nin o motivo de colocalo, nin que representa cada un dos seus cuarteis nin dos estragos que causa ao conxunto o paso do tempo e a desidia de quen ten a responsabilidade de manter o patrimonio cultural do concello.
En distintos escritos fomos recordando a importancia de coñecer o pasado sen interferencias espurias como medio de comprender e explicar o presente. E para hoxe comprender o asunto, debemos recordar que o actual escudo de Vilalba foi aprobado polo pleno do Concello tras dous informes e propostas da Real Academia Galega asinadas polo que foi o seu secretario perpetuo don Francisco Vales Villamarín, mestre, cronista oficial de Betanzos e fundador da Irmandade da Fala desa cidade entre outros méritos.
Sabemos que Vales Villamarín, tamén fundador do «Anuario Brigantino», consultou documentación da casa de Andrade para asinar os correspondentes informes, documentos que deben figurar nas dependencias do arquivo municipal vilalbés. Volvendo ao escudo abeirado á torre do castelo de Vilalba, observamos que está sostido por dúas figuras de escudeiros ou entes protectoras.
Un helmo presidindo
Presídeo un helmo que mira á súa dereita, símbolo de pertencer a fillo lexítimo, neste caso do matrimonio de Fernán Pérez, o Mozo, e María Moscoso. A data MCCCCLXXXV, 1485, indica o ano da súa colocación na fortaleza e coincide coa reconstrución do castelo feita por Diego de Andrade tras ser incendiado polos irmandiños dezaoito anos antes. Divídese en tres cuarteis, o da esquerda do espectador representa unha banda en diagonal, de arriba esquerda a abaixo dereita, que se inicia e acaba en fauces de dragón, símbolo de privilexio outorgado polo rei Alfonso XI en 1332 a Rui Freire II, e á súa liñaxe Andrade, premiando a lealdade na defensa da realeza.

Era esa unha curiosa forma de vasalaxe entre o rei e os cabaleiros que axiña se interpretou como instrumento de consolidación de patrimonio e privilexios. Os integrantes da Orde da Banda lucían a dignidade cruzando a banda real no peito e representándoa na heráldica da casa.
O cuartel dereito do escudo, en parte erosionado, representa un axadrezado, e poida que incluíse unha cabeza de lobo mirando para a súa dereita, referencia aos Moscoso, liñaxe da nai de don Diego, María de Moscoso e de Montaos.
Na parte inferior unha estrela de oito puntas non permite unha atribución simbólica segura por estar na parte máis deteriorada do escudo. Pola fotografía realizada hai algo máis de vinte anos, coñecemos na banda da base do escudo había inscrita unha lenda alusiva ao lema dos Andrade: Ave María gratia plena é una atribución segura.
O perigo de reescribir
Reescribir a Historia a gusto de ideoloxías e imaxinar como real o que nunca foi supón desprezar investigacións rigorosas e manipular o pasado para enganar o presente. E, de seguido, aquel paciente lector reflexiona sobre a vida diaria en Vilalba. As feiras esmorecen, as transacción decaeron nos comercios, non parece haber novas construcións, as casas máis antigas chaman por ser reparadas, a xente da contorna deixou de acudir á vila, o tránsito rodado é moi mellorable, as pistas no rural están sen reparar segundo que zonas, urxen revisións e melloras na traída de augas, a cultura deriva a coros e danzas e os máis novos, os futuros cidadáns, ben preparados, educados e formados nos centros escolares da vila, marchan polos mundos...
En fin, cousas do presente.