José Antonio Pita: «Ser do Racing Vilalbés é un orgullo»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

LUGO

Pita séntese satisfeito do seu labor como presidente
Pita séntese satisfeito do seu labor como presidente PALACIOS

O ex presidente salienta que o equipo ten unha imaxe de seriedade que lle permite fichar ben

18 ago 2025 . Actualizado a las 19:09 h.

Ser de Vilalba e xogar no Racing Vilalbés foi e é unha aspiración de moitos nenos. Quizais o desexo de chegar a presidir o clube non produza tanta ilusión, pero José Antonio Pita, que estivo á fronte da directiva, transmite entusiasmo por ese labor que desenvolveu. Non nega que cómpre moito traballo e moito esforzo, o cal non significa que haxa un recoñecemento automático.

De todos os xeitos, a paixón polo clube supera, no seu caso, calquera outro obstáculo, se ben recoñece que a un directivo non lle queda moito tempo para ledicias ou tristuras, porque despois de cada xornada ten que seguir a traballar polo clube.

—Un futbolista pode alegrarse, por exemplo, se marca un gol ou fai unha boa parada. De que se pode alegrar o directivo dun equipo de fútbol?

—Un directivo alégrase se o equipo dos seus amores, o que leva no seu corazón, está na máxima categoría posible. É un triunfo que o Racing Vilalbés saia xogar todos os domingos. Empatar, gañar ou perder entran dentro do fútbol, pero ser do Racing Vilalbés é un orgullo. Hai cinco cousas en Vilalba que son un orgullo: o Hospital Asilo, [a asociación] María Mediadora, a banda de música, a coral e o Racing. Se se perde iso, pérdese a vila. Cando [o Racing] xoga fóra, sáese representar a Vilalba, e iso é o importante. Representas a Vilalba, en Lugo, en Galicia ou no resto de España, onde che toque xogar.

—Foi concelleiro do PP [do 2015 ao 2017] e a oposición recoñeceu o seu traballo na área de Cultura. Chega a ter ese mesmo recoñecemento o directivo dun equipo de fútbol?

—Non, rotundamente non. Un directivo tenta facelo o mellor posible, dedica parte da súa vida persoal... Sempre se oe ‘está porque lle convén, porque lle dá a gana...'. O que está metido nese mundo sabe que non é así: faino porque lle gusta, con acertos e con erros.

—Bota de menos os tempos nos que era directivo?

—En parte, si. Iso non quere dicir que vaia volver [ri]. Estou amortizado: teño 63 anos, axiña me xubilo... Se teño que botar unha man nun asunto, ben saben os directivos do Racing que estou aí para o que faga falta. Non estarei en primeira liña.

—Canto darían outras vilas máis ou menos semellantes a Vilalba, de Galicia ou do resto de España, por ter un equipo coma o Racing Vilalbés?

—Moito. O Racing é un clube serio, respectable, solvente. Moitos xogadores de fóra, e non vou dar nomes, veñen aquí non só polo diñeiro senón tamén polo prestixio e pola seriedade do clube. O día 30 de cada més págase, aquí cúmprese o pactado. Outros equipos, por desgraza, non fan esa boa xestión deportiva. Non hai ningún xogador na historia [do clube] que diga que o Racing lle debe algo do pactado. Os xogadores, cando van a un equipo, preguntan quen está na directiva. Por iso se puido fichar aquí a grandes xogadores.

—Que é o mellor do Racing Vilalbés, ter estado en Segunda RFEF ou ter unha ampla base nas categorías inferiores?

—Eu creo que a base. O importante é o amor ao clube. Non é só o feito de bicar o escudo, que iso é cousa do fútbol profesional, senón o sentimento de pertenza. Cando se ascendeu, había nove, dez ou once xogadores de Vilalba e da contorna. Hoxe é distinto, pero tamén se busca esa identidade. É básico. Noutros equipos, e non vou dar nomes, só hai un ou dous xogadores da casa. En Vilalba hai xogadores que levan aquí oito ou nove anos: viñeron sendo xuvenís e fixeron aquí a súa carreira. Ese sentimento de pertenza que tamén teñen é importante.

—Cansa ser directivo?

—Hai que estar sempre aí. O gran problema dos clubes hoxe é a liquidez: por exemplo, o Racing ten que pagar este mes mutuas, fichas, o primeiro mes de adestramentos... E tamén ten que acompañar o tema deportivo: nin o Barcelona nin o [Real] Madrid fichan ben. Aos grandes pode saírlles mal, imaxina a un equipo afeccionado. E logo está a disxuntiva de se xogan os da casa ou non xogan. A directiva ten que ter os obxectivos claros. Se logo entra a pelota, es internacional; se non, es o malo da película. Se o Barça gaña, o adestrador é o mellor do mundo; se non, non vale. Como dicía Luis Aragonés, ninguén fala do segundo.

—Cansan os seguidores, que hoxe teñen na televisión fútbol a todas horas?

—Iso pode ser un hándicap, pero o Racing ten unha asistencia media alta [aos partidos]. O estadio da Magdalena ten capacidade para 2.200 espectadores, e moita xente ve os partidos de pé. Eu coñezo os campos de fútbol de Galicia de Terceira [División], e o Racing ten un nivel de asistencia medio-alto: non ten, por exemplo, o nivel do Arousa, pero está ben. Veu ben estar en Segunda RFEF porque houbo xente que se enganchou. Nunca tanta camisetas racinguistas vin coma en Santo Domingo de la Calzada. [O Racing conseguiu o ascenso a Segunda RFEF nesa vila en xuño do 2023 , onde gañou ao equipo local].

—Que se sente celebrando un ascenso a centos de quilómetros?

—Eu celebreino chorando. Houbo directivas que o pasaron mal, e o ascenso foi un triunfo. Se nolo dixesen hai trinta anos, creo que se poñería o teito en Terceira División. O ascenso, historicamente, foi un triunfo do clube e foi o resultado dun traballo de moitos anos.

—Volvería facer o que fixo?

—O mesmo. Estou orgulloso do que fixen por Vilalba. Axudei ao Racing Vilalbés no que puiden, e se unha directiva me pide algo, estou a disposición do clube para o que sexa. É a miña vida, sinto moito o Racing Vilalbés.

Inicio. José Antonio Pita Paz naceu en Vilalba en 1962.

Evolución. Xogou ao fútbol no Racing Vilalbés en categoría xuvenil e ao fútbol sala no Ventoeira. Foi presidente do Racing Vilalbés e membro das directivas presididas por Gerardo Criado e por Jesús Vivero. Adestrou o equipo xuvenil e coordinou as categorías inferiores do Racing Vilalbés. Foi tamén concelleiro de Deportes no mandato 1983-1987 e árbitro de fútbol sala.

Actualidade. É director do Centro Sociocomunitario da capital chairega e vive en Noche (Vilalba).

«Os nenos teñen sentimento racinguista porque se lles inculca»

Aínda que o fútbol é hoxe un espectáculo globalizado, semella quedar un espazo, polo menos en Vilalba, para o local. Pita non dubida da presenza do sentimento de amor ao clube nos nenos das categorías inferiores. «Creo que si o hai porque é un sentimento que se lles inculca. Hai ese sentimento de ser racinguista. Logo a vida dirá se un neno é ou non é futbolista, pero ten esa ilusión racinguista. Quedoume gravada unha fotografía que vin o ano pasado: [Álex] Santomé rodeado de nenos. Algún neno quererá ser coma el, como pasaba na época de Hugo [Criado] ou de Félix [Prieto]», di. Pita considera que eses xogadores foron vistos coma ídolos pola súa calidade pero tamén porque eran de Vilalba.