A Grande Fraga de cinza

LUGO

19 ago 2025 . Actualizado a las 15:15 h.

En 1971, Xosé Luís Méndez Ferrín escribiu unha das obras clave da nosa literatura. Nela aparece descrita, por primeira vez, a Grande Fraga que ocupa o corazón físico e simbólico desa Galicia imaxinada que chamou Tagen Ata: “Todo o bosco brillaba, cunha estreliña en cada folla. Húmida a atmosfera, parada, tépeda. Cheirumes seminais e polens mestos proclamaban a primavera. Os meus pés afundíanse nunha masa de folla podre, carriza, gromos tenros, apóutegas, campaíñas azuis”. Así comezaba a descrición afervoada dun bosque ateigado de verbas enchoupadas de territorio e natureza, como só os nosos grandes escritores souberon facer. E moitas persoas, ao lelo, sentimos que a Grande Fraga de Galicia era o Courel, que o que latexaba nesa fermosa pasaxe era a natureza que tamén cantou Uxío Novoneyra. As nosas fragas foron, durante séculos, un refuxio simbólico, un lugar onde se xunguen memoria, lingua e vida. Hoxe son, tamén, o escenario da destrución: o lume róubanos árbores e paisaxe, mais tamén identidade, historia e palabras.

A miña avoa dicíame que non apagase as cinzas da lareira porque alí viñan quentarse as ánimas. E, no mesmo ton, aseguraba que a fin dos tempos sería por lume. Agora que o lume avanza imparable, que asolou Quiroga e destrúe aldeas e espazos de tanta significación, ameazando, unha vez máis, o Courel, cómpre unha chamada colectiva: para a análise rigorosa dun problema complexo, para a esixencia dunha acción decidida, eficaz, coordinada e contundente. Cómpre prevención, escoitar as persoas con experiencia e coñecemento vencellado ao territorio, protexer o rural e fixar poboación, esixir franxas de seguridade e o coidado do bosque, unha política forestal guiada por conciencia territorial e non polo mero lucro. En caso contrario, estaremos condenados a desaparecermos entre as lapas e a deixarmos que todo o que somos esvare coa cinza pola pendente do esquecemento.