Isolina Calvo, peiteadora desde hai 38 anos: «Creei a miña marca de cosméticos para axudar ás mulleres»

LUCÍA CAMPOS LUGO / LA VOZ

LUGO

Isolina Calvo leva 38 anos no sector da perruquería e da estética, contando xa con dous salóns de peiteado e unha marca de cosméticos
Isolina Calvo leva 38 anos no sector da perruquería e da estética, contando xa con dous salóns de peiteado e unha marca de cosméticos LUCÍA CAMPOS

A emprendedora guitiricense está á fronte de dous salóns de peitado e hai cinco anos creou a súa propia liña de produtos naturais

26 ago 2025 . Actualizado a las 12:05 h.

O 6 de setembro cúmprense 34 anos desde que Isolina Calvo abriu por primeira vez as portas de Zalois, o seu salón de peiteado en Guitiriz. Tiña tan só vinte anos e unha gran vocación. «Era unha nena, ademais daquela non había axudas como as de agora», lembra.

O proxecto comezou con forza: «Empecei cun local pequeno que comprei, invertín daquela 10 millóns de pesetas, porque xa traballara anteriormente en dous centros de estética». Co tempo, aquel primeiro salón deu paso a un segundo en Betanzos, dez anos máis tarde.

O inicio dunha emprendedora

Isolina Calvo formouse en Perruquería e Estética no Politécnico, compatibilizando clases en réxime ordinario e nocturno mentres traballaba a media xornada: «Eu quería dar ao pobo algo que daquela non había. Existían salóns máis clásicos, pero cando o montei eu era unha muller moderna para aqueles tempos e foi un boom».

O nome Zalois tamén garda unha historia persoal. Escolleuno en homenaxe ao seu irmán Gonzalo, falecido nun accidente de tráfico. «Fusionei o seu nome, Zalo, co meu», explica.

Do peiteado á cosmética

A curiosidade e as ganas de innovar levárona a dar un paso máis: crear a súa propia marca de cosmética, Siolaz (o nome de Zalois ao revés). «Comecei a pensar nesta idea na pandemia porque eu son un cu inquieto. Nós aquí facemos moitos tratamentos de estética e detectei que as nosas clientas non se querían complicar con decenas de produtos».

O obxectivo era claro: simplificar rutinas. «Siolaz é unha marca de cosmética que simplifica as rutinas porque temos un alto valor de principios activos», explica. Nos cosméticos, os principios activos son os ingredientes que realmente actúan sobre a pel ou o cabelo e fan que o produto cumpra a súa función: hidratar, protexer do sol, reducir a irritación ou mellorar a elasticidade. Exemplos comúns son o ácido hialurónico, a vitamina C, o retinol ou os filtros solares.

Así naceron produtos que cumpren varias funcións á vez: hidratante, solar e sérum. «Está pensado para as mulleres ocupadas. Eu, como muller emprendedora e que non para un minuto, penso en todas as mulleres que non temos tempo para coidarnos como nos gustaría».

Os produtos están deseñados en Galicia, formulados por un químico e fabricados en España, empregando materias primas locais e nacionais. A única excepción é unha crema corporal cun principio activo importado de Perú. «É do mellor que temos, porque serve para peles atópicas, resecas, con psoriase… Eu quería unha única crema que servira para todo, pero sobre todo para peles resecas, que é o que máis se demanda».

O coñecemento directo da clienta

A vantaxe de Isolina é que leva máis de tres décadas vendo de preto as necesidades das persoas. «Facer unha boa limpeza capilar é o fundamental, a pesar de que despois o que se vexa sexa o traballo de peiteado».

A súa filosofía é clara: «Eu non fixen a miña marca para masificar o mercado, fíxena para axudar ás mulleres». Por iso, malia recibir ofertas de grandes tendas, rexeitounas. «Estamos crecendo, pero o que non quero é que este cosmético estea en calquera sitio porque é necesario que a xente que o venda estea formada», algo que para ela é fundamental.

Redes sociais e o perigo da desinformación

A emprendedora aposta por acompañar a clienta en todo o proceso: «Podes ter un produto moi bo, pero se non o sabes aplicar ben non vai funcionar. Débeselle explicar ao cliente como aplicar os produtos, masaxear, quentar o principio activo…». Ademais, é crítica coa publicidade enganosa en redes sociais: «Eu non estou a favor de botar 40 produtos, como vexo nas redes sociais. Na cosmética só hai tres pasos: limpeza, hidratación e protección solar». Esa mesma idea foi a base da súa marca, rutinas sinxelas con produtos naturais.

Tamén alerta sobre a idade temperá de consumo: «Cada vez empezan máis novas con isto. Eu teño unha filla de trece anos e estou en contra de que comecen a usar tantos produtos, porque van estragar a pel».

A dificultade e a paixón de emprender

Isolina participou en programas como EMEGA da Xunta de Galicia e é socia da Asociación de Cosmética Galega. «Eu hoxe vexo máis fácil emprender que hai anos, porque hai moitas formacións e axudas. Encantaríame poder axudar a calquera persoa que queira emprender e necesite un referente».

A súa traxectoria avala esa visión: «Aos meus 54 anos sigo formándome constantemente porque quero aprender. Todos os anos fago tres ou catro formacións». Con todo, bota en falta relevo xeracional: «O que me dá pena é que nestas formacións practicamente todas somos maiores de 50 anos».

Vocación e futuro

A clave do éxito, di, non está no diñeiro. «A miña filla pregúntame que ten que facer para ganar moito, pero eu sempre lle digo que facendo o que a un máis lle guste». Ela mesma estivo máis de 14 horas ao día cando comezou co seu negocio, pero insiste en que o facía por vocación: «Se a ti realmente che gusta, non che importa».

Pese ás dificultades, mantén a ilusión. «Eu aprendo moito das rapazas que veñen dunha escola. Gústame rodearme de xente nova porque me incentiva, dáme enerxía e ensínanme cousas novas».

Para ela o futuro está en seguir formando e axudando a outras mulleres e recalca que «se non hai emprendedores, quedarémonos sen negocios». De feito, cando xa non estea á fronte do seu negocio gustaríalle poder axudar a futuras empresarias a facer realidade os seus proxectos.