O tráxico accidente acontecido no desfile de gando do San Froilán, que deixou unha muller gravemente ferida, lémbranos, unha vez máis, que en ningunha actividade existe o risco cero. Todos sabemos que hai tradicións, como é o caso dos encerros do San Fermín, que procuran, de seu, estas situacións límite, convertendo en algo habitual que haxa feridos, contusionados e mesmo mortos (uns 16 desde o ano 1910); mais o perigo, a posibilidade dunha desgraza, sempre están aí e, curiosamente, podería darse o paradoxo de que o desfile de gando das nosas festas patronais se resentise polo acontecido mentres outros espectáculos continúan ano tras ano cunha impresionante cobertura mediática non carente de morbo.
Lugo ten moitos atractivos e singularidades e un deles é a súa forte e íntima conexión co mundo rural que circunda e nutre a cidade. A súa poboación conformouse da afluencia de xentes desde as aldeas, sobre todo na vaga dos anos 50, e o San Froilán é unha festa na que se percibe esa fonda raigame. O desfile de gando forma parte da idiosincrasia lucense.
Mellórense, daquela, no posible, as medidas de seguridade; mais non caiamos na tentación de anular unha tradición que non procura, en por si, o perigo nin a exhibición da violencia e que non está vencellada a un uso do animal como espectáculo sanguento. Nese desfilar das vacas nas nosas rúas recoñecemos o vencello coa terra e a nosa orixe campesiña. Por algo o noso Campus é o Campus Terra e a nosa titulación insignia a de veterinaria. As situacións excepcionais e os accidentes ocorren. O risco cero non existe en ningunha actividade. Mais non podemos anular o movemento e a vida para evitarmos o perigo. Agardemos que a muller ferida se recupere axiña. Nestes intres difíciles, debe contar coa nosa solidariedade. Mais cómpre pausa e reflexión, tomarmos as decisións en frío, sen precipitarnos. Ninguén cancelaría as estradas para evitar accidentes.