Hai xa corenta anos que Ramón Lamote pasea pola nosa imaxinación e polas rúas de Lugo. Este profesor soñador, creado por Paco Martín en Das cousas de Ramón Lamote, converteuse no símbolo dunha literatura que, a mediados dos oitenta, abriu horizontes para o galego entre os lectores máis novos.
O mércores15 de outubro, ás 17.30 horas, o Círculo das Artes acolle unha homenaxe a Paco Martín coincidindo co aniversario da publicación daquela obra que saíu do prelo en 1985 e que foi galardoada ao ano seguinte co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. O acto quere ser, tamén, un recoñecemento a unha traxectoria que fixo de Lugo un lugar literario, un espazo de ficción e de memoria.
As conmemoracións en vida teñen algo que as fai especialmente valiosas: permiten que a persoa homenaxeada reciba o retorno do seu traballo. Son ocasións para compartir o que se foi sementando, para agradecer e escoitar, e así acontecerá nesta homenaxe, na que Paco Martín ocupará un lugar central. É, daquela, unha oportunidade para que a cidade de Lugo acompañe un dos seus creadores máis queridos, unha presenza que se confunde coa propia identidade da cidade.
A homenaxe, coordinada pola académica Marilar Aleixandre, contará coa participación de Isabel Soto, Lois Pérez e Alejandro Tobar, e cun número musical a cargo de Branca Villares, quen o pasado Domingo das Mozas fixo unha fermosa e reivindicativa ofrenda a Rosalía de Castro perante a estatua da escritora, no parque que leva o seu nome. Coido que, nas sociedades actuais, a participación en actos coma este é unha das mellores medicións da nosa saúde social e cultural. Convócannos Ramón Lamote, Paco Martín, a historia da cidade e o xusto recoñecemento aos nosos, nun dos espazos que tamén nos pertencen. Vémonos alí.