Nace un novo festival de música: «Hai quen di que en Lugo nunca hai nada, pero é falso, a cidade é berce de eventos importantes desde sempre»
LUGO

O 23 de maio celebrarase a primeira edición do Riot GZ Fest, «a maior festa punk de Galicia», con bandas de referencia na escena punk internacional
15 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O abano de eventos musicais segue medrando en Lugo, grazas ao traballo de amantes da música comprometidos coa cultura. Unha das últimas incorporacións ao calendario de citas musicais na cidade é o Riot GZ Fest, que se presenta como «a maior festa punk de Galiza» e que promete ser un punto de encontro ideal para os amantes da escena punk internacional. A cita terá lugar o 23 de maio, no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.
Un dos impulsores desta nova festa da música lucense é Manu Fernández, coñecido por poñer en marcha en Lugo festivais como A Candeloria ou Pista Extra: «Isto nace un pouco coma unha tolería, igual que o foi no seu día a Candeloria. O que pasa é que agora contamos xa con certa experiencia e temos acceso a bandas que ao principio non tiñamos», explica. Fernández conta que leva xa uns cinco anos coa idea na cabeza de montar un evento coma o Riot GZ Fest: «Queriamos que fose especial, que fose no momento adecuado e coas bandas adecuadas. E non sempre se pode. Agora déronse as circunstancias e vimos que era o momento», continúa.
Manu Fernández explica que o festival estará baseado na música punk, hard core, hard core punk, punk rock internacional... un estilo de música que ten pouca presenza nos festivais galegos, segundo aclara. O cartaz desta edición inaugural contará con varias bandas que son historia viva do punk europeo. Os primeiros grupos confirmados para o Riot GZ Fest son The Toy Dolls, banda británica fundada nos anos 70, responsable de himnos coma Nellie the Elephant ou She goes to Finos; os suecos Perkele, con letras combativas e compromiso obreiro, a través de clásicos coma Heart full of pride ou Leaders of tomorrow; os franceses Lion’s Law; o hardcore punk dos suecos Misconduct; o punk-ska dos eslovenos Pigs Parlament; a enérxica banda galega True Montains e o DJ Jordi Pánico.
As entradas para este festival xa están á venda en riotgzfest.com. A primeira promoción, a 32 euros, xa está esgotada. Agora pódense adquirir por 35 euros, e a medida que se vaian esgotando os tramos de promoción, o prezo irá subindo a 37, 39, 42 e 45 euros, sen incluír os gastos de xestión.
A despedida da Candeloria
Manu Fernández sinala que este novo festival terá algunhas similitudes coa Candeloria, pero que é un evento diferente: «Somos case os mesmos organizadores, pero o tipo de bandas é diferente, e son grupos que non adoitan vir a Galicia. Vai ser unha cousa distinta á Candeloria. Si van ter en común o bo rollo, a idea subversiva e a música combativa. Evidentemente, a palabra punk vai estar con maiúsculas, con moito punk internacional, pero tamén con bandas galegas porque temos moi presentes o noso compromiso e as nosas raíces», aclara.
Esa Candeloria, que foi un pouco o xerme de todo o que veu despois, chega no 2026 ao seu fin. O 11 de abril, despois de doce intensas edicións, a Candeloria celebrará O último berro no Pazo de Feiras. Manu Fernández quixo desvincular esta despedida do comezo do novo proxecto musical: «Pode parecer que unha cousa garda relación coa outra, pero nada que ver. Os momentos simplemente coincidiron, nada máis». Sinala que non hai un motivo en concreto para este adeus, pero «todo ten a súa fin» e tiñan claro que o final «tiña que ser nun momento feliz, non por desgaste. Ao principio, pensamos en non facer despedida, pero finalmente organizamos esta última Candeloria, cunha despedida por todo o alto, para que a xente goce e quede con bo sabor de boca», sinala.
Os primeiros artistas confirmados para o evento son Dakidarría, Non Servium, Boikot, Juantxo Skalari, Me Fritos and the Gimme Cheetos e DJ Jordi Pánico. Neste caso, tamén están á venda as entradas en acandeloria.org: as do primeiro e segundo tramo (29 e 32 euros) xa están esgotadas, e agora pódense adquirir por 35. A medida que se acabem os tramos, irá subindo o prezo a 37, 39 e 42 euros.
Últimas entradas á venda para o Pista Extra
Manu Fernández é tamén un dos organizadores do Pista Extra, o festival que naceu en paralelo á Candeloria. Neste caso, o evento terá lugar o 29 de novembro no Pazo de Feiras. As bandas que actuarán neste festival son a británica GBH, pioneira do hardcore punk; Evaristo Páramos, Talco, Catalina Grande Piñón Pequeno, Faul e Manolo Kabezabolo. Ademais, o festival lucense ten preparada unha banda sorpresa. As últimas entradas poden mercarse en pistaextra.acandeloria.org por 42 euros. Por outra banda, os organizadores sacaron unha camiseta solidaria en apoio ao pobo palestino. A prenda está producida por Rei Zentolo e deseñada por Luisvi, e parte da recadación irá destinada a unha organización propalestina.
Tradición musical na cidade
O impulsor do Riot GZ Fest, Manu Fernández, afirma que en Lugo hai paixón pola música desde sempre: «Hai quen di que en Lugo nunca hai nada, pero é falso, a cidade é berce de eventos importantes desde sempre». Aclara que a música é unha «realidade total» en Lugo, «hai festivais de música moi importantes». Fernández fai esta matización ao destacar o oco que vén a cubrir o Riot GZ Fest: «Estas bandas non adoitan vir a Lugo, e gustaríanos que houbese máis festivais deste tipo, pero nós non somos os salvadores de nada, e menos de Lugo, aquí xa hai unha grande actividade musical».