Os fundadores do medio dixital O Ferrado, fundado fai tres anos, publicaron o seu primeiro libro, Un país en pensamento, que abandona o formato dixital para ofrecer «unha obra de reflexión e pensamento crítico sobre Galicia»
23 oct 2025 . Actualizado a las 12:13 h.Fai tres anos que sete mozos de diferentes puntos de Galicia uniron forzas para lanzar unha revista dixital á que chamaron O Ferrado. Eles son un enxeñeiro aeroespacial (Miguel Argibay), unha publicista (Lucía Rodríguez), un científico (Julio Nóvoa), un economista (Luis Lores), un antropólogo (Pablo Diego) e dous historiadores (Noah Chichester e Víctor Sanches), de idades comprendidas entre os 25 e os 30 anos. Todos comparten o amor pola súa terra, escriben sobre lingua, historia, cultura e política, e fan que o seu proxecto máis mimado non deixe de medrar. O 25 de xullo O Ferrado presentou o seu primeiro libro, Un país en pensamento.
«A primeira tiraxe xa case se esgotou nun par de meses e estamos valorando unha segunda edición», explica Lucía, natural do municipio lucense de Navia de Suarna. Explica esta rapaza, tamén creadora do portal dixital O Argueiro, que os beneficios íntegros van destinados á mellora e sostemento da revista, rexistrada como organización sen ánimo de lucro. Os contidos da revista, recordan, abranguen sociolingüística, historia, nacionalismo, estudos do territorio, relacións internacionais e crítica cultural, «sempre cunha perspectiva galeguista e con atención ás cuestións de xénero».
Con este libro, asegura Lucía, a revista dixital O Ferrado da un paso máis aló do formato dixital para ofrecer «unha obra de reflexión e pensamento crítico sobre Galicia». Trátase dunha peza, sinala, que recolle unha selección dos artigos máis destacados publicados nos dous primeiros anos da revista e un prólogo do historiador Antom Santos.
Estes rapaces teñen lectores de todas as partes do mundo, e perciben un claro interese por parte dos emigrantes que deixaron atrás Galicia, especialmente os máis novos. «Isto é unha clara mostra da gran emigración que hai de mozos pola falta de oportunidades aquí. Por iso, queremos escribir para todos eles», explican os fundadores do medio.
Un proxecto altruísta
No caso de Lucía, que reside en A Coruña por motivos laborais, pero que tamén estivo formándose en Barcelona, adoita escribir na revista sobre aspectos do rural, da lingua e de feminismo. «Decidín formar parte deste proxecto porque é unha iniciativa real, máis alá de idealismos, e onde facemos todo de forma altruísta», abunda a naviega, claramente apegada á súa terra.
Os sete rapaces intentan aproveitar a diversidade na formación de cada un deles para falar de todo aquilo que lles interesa, dende diferentes puntos do mundo, pero facendo fincapé na identidade galega. En pouco máis de tres anos, din, a revista acadou máis de 80.000 visitas anuais e consolidouse coma un espazo plural de pensamento, análise e creación cultural en galego. Agora, o éxito tras a publicación do seu primeiro libro mostra que nas novas xeracións hai futuro.