A Fonsagrada acolle a gran foliada galega

A FONSAGRADA

Máis de 4.000 persoas reúnense durante tres días en torno á música e o baile tradicional

09 dic 2023 . Actualizado a las 20:19 h.

A sorpresa foi maiúscula cando na edición do 2023 dos premios Martín Códax o de mellor festival de Galicia foi para a Foliada da Fonsagrada. O galardón viña supoñer o respaldo e a constatación de algo que di o organizador da cita da Fonsagrada, Adrián Méndez: «Para unha gran parte da mocidade, a foliada é agora mesmo a discoteca de moda».

 A proba é que esta foliada vai reunir esta fin de semana na vila lucense a máis de 4.000 persoas cun único nexo: a súa paixón polas músicas de raíz.

Sexa polo premio —«é indubidable que nos deu moita visibilidade», di Adrián— ou sexa polo excepcional momento do tradi galego, o certo é que a foliada da Fonsagrada, que chega á súa oitava edición, vai bater este ano récord absoluto de asistencia. «As prazas de aloxamento que sacamos esgotáronse en cinco minutos. Así que habilitamos tamén o pavillón como zona de acampada e completouse ao día seguinte», comenta o responsable da Foliada.

Hai un terceiro elemento que tamén favorece esta excepcional acollida e non é outro que a intensa programación que se desenvolve na Fonsagrada dende o xoves ata o sábado. Nela sobresaen dou eventos exclusivos. Un deles terá lugar hoxe, venres, ás 21 horas e é o concerto de Polavilak, unha formación creada para o ocasión baixo a dirección de Pedro Lamas que se encargará de render homenaxe a Kepa Junquera. O propio músico vasco estará tamén presente na Fonsagrada para presentar o seu libro Berpiztu.

A outra estrea que acolle a Foliada é a de Irmaus da Raia Seca, un cuarteto formado polos irmáns Pablo e Pedro Pascual e Gutier e Javier Álvarez. O seu concerto de debut será o sábado ás 21.30 horas.

O apartado musical da programación complétase o venres coas presenzas dos asturianos L-R e dos portugueses Omiri. O sábado ao mediodía será a quenda de Alana (12.00) e Caamaño e Ameixeiras (13.45). E pola noite, ademais de Irmaus da Raia Seca, actuarán Tiruleque (23.30) e Mondra (01.30). Como subliña Adrián Méndez, «esta edición non podía ter un mellor remate que a foliá ardente de Mondra».

A programación da Foliada inclúe unha homenaxe ás bailadoras da comarca, presentacións de libros, obradoiros e unha feira de artesanía, entre outras actividades.

Pero máis alá do programa oficial, a música e o baile inundan estes días cada recuncho da Fonsagrada. «Os bares están ateigados de xente cantando e bailando a todas horas. E como non se colle dentro a xente sae a tocar e bailar fóra. Algúns grupos de bailadores mesmo cortan o tráfico nas rúas, pero aquí ninguén se enfada. Esa espontaneidade é o bonito dunha foliada», relata o seu organizador.

A Foliada da Fonsagrada é un termómetro privilexiado á hora de medir o estado de saúde da nosa música tradicional. «Isto deu un xiro de 360 graos. A música tradicional está vivindo en Galicia o seu mellor momento», di Adrián. «O fenómeno das Tanxugueiras tivo moito que ver. Abriron moito camiño», engade. Ata o punto de que «duns anos a esta parte na Foliada case non se ve xente maior. A media é de 20 anos». Adrián Méndez tamén constata esa mesma tendencia na súa escola de baile. «Agora bailar tradicional é o guai. Toda a rapazada quere aprender. E outro tanto pasa coa pandeireta. Benvido sexa».