O Belén de Begonte, máis de medio século inaugurando o Nadal na provincia: «Quen vaia con ollos curiosos, verá que este ano está moi cambiado»
BEGONTE
O nacemento galego, artesanal e animado electronicamente, abrirá o próximo sábado e poderase visitar ata o 1 de febreiro
24 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Non hai Nadal na provincia sen o Belén de Begonte. Así vén sendo desde hai 53 anos. O próximo sábado, día 30, volverá abrir as súas portas este nacemento tradicional galego, declarado de Interese Turístico Galego, que incorpora novas figuras e madura novos proxectos. O Belén, creado con figuras artesanais e animadas electronicamente, recibe cada ano miles de visitantes, e todo apunta a que nesta edición se baterán todos os récords: «Este ano notamos unha efervescencia especial previa e xa recibimos moitas chamadas para reservar visitas colectivas; creo que vai ser un ano especial», avanza Xulio Xiz, presidente do Centro Cultural José Domínguez Guizán, promotor e impulsor deste tesouro do patrimonio cultural lugués.
Carlos Torres Llamas, Jesús Veiga Sangiao (Sito) e Ramiro Cruz Gómez levan traballando desde mediados de outubro para dar vida, ampliar e renovar o Belén, revisando a instalación, incorporando figuras e reestruturando a situación de outras. «Quen vaia con ollos curiosos, verá que este ano está moi cambiado», desvela Xulio Xiz. Entre outros motivos, polas novas pezas. Destaca este ano a doazón de 31 figuras da colección do belén do sacerdote Edelmiro Ulloa (1933-2021), materializada polo seu sobriño, o profesor e escritor Xosé Carlos Ulloa. Edelmiro foi capelán do Hospital Xeral de Lugo, creou a Coral do Hospital, o Grupo de Teatro Lucho e cada Nadal montaba un belén. Parte desas pezas artesanais pasarán a formar parte este ano do Belén de Begonte e do seu Museo: a figura móbil da máquina de mallar, que contrastará coa escenificación do traballo co «malle» tradicional; casas, pallozas, hórreos, carros de vacas, cortador de leña, ferreiro, arado, igrexa, roda de afiar... «Para nós é unha nova magnífica», recoñece Xiz.
Estas pezas súmanse a unha colección incalculable de figuras que comezou a formarse a principios dos anos setenta. «En 1972 o cura José Domínguez Guizán soubo que no Centro de Formación Profesional Acelerada da Coruña había un belén con pezas móbiles. Así que foi ata alí para velo, xunto co artesán José Rodríguez Varela. Eles melloraron ese modelo en Begonte e así comezou esta historia, a partir dun pequeno belén duns dous metros cadrados», contextualiza Xulio Xiz.
«Queremos abrir unha pinacoteca begontina con obras de arte de pintores de toda Galicia e que o museo estea aberto todo o ano»
Da confección das pezas encargábase Varela, ampliando o Belén cun traballo artesanal, requisito que se continúa mantendo hoxe en día. «Poden ser pezas creadas de novo ou transformadas. Eles cortaban pedriñas unha a unha cun alicate para ir facendo casas, pero Varela tamén collía incluso figuras Madelman e desmontábaas para meterlles mecanismos e transformalas. O obxectivo é que sexa propio e represente o propio», continúa Xulio.
Poñer Begonte no mapa
Pero o Belén de Begonte é máis ca un nacemento e responde máis a un proxecto cultural e social que se enriquece ano tras ano: «O cura tiña unha visión especial; el quería que os fregueses sentisen o Nadal, con sentimento e coñecemento, pero tamén quería poñer a Begonte no mapa. De aí que cando obtivemos o recoñecemento de Interese Turístico Galego comprendemos que o cura fora un visionario», lembra Xiz.
Ese proxecto cultural do Belén complétase co Museo, que na actualidade solo abre mentres está aberto o Belén, e tamén cos certames de arte e escrita que convocan cada ano desde o Centro Cultural, unha riqueza patrimonial que queren aproveitar máis: «No futuro, queremos abrir unha pinacoteca begontina con obras de arte de pintores de toda Galicia, pois xa contamos con 35, e tamén que o museo estea aberto todo o ano», explica Xiz.
O acto inaugural deste ano, co que arrancarán dous meses de actividade cultural e lúdica en Begonte, terá lugar co pregón, que será o sábado 30 de novembro ás 18.00 horas e correrá a cargo do conselleiro de Educación, Román Rodríguez.
Horario de visitas
· Do 1 ao 19 de Decembro
Sábados, domingos e festivos
De 11.00 a 13.00 e de 16.00 a 19.00 horas.
· Do 20 de Decembro ao 6 de Xaneiro
Todos os días
De 11.00 a 13.00 e de 16.00 a 19.00 horas.
· Do 7 ao 26 de Xaneiro
Sábados, domingos e festivos
De 16.00 a 19.00 horas.
· Visitas Colectivas
Concertar cita previa no teléfono 610 907 306.