María Arias, autora dunha guía sobre Lugo: «A provincia ten un potencial brutal e descoñecido en patrimonio, ocio e natureza»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

A autora María Arias acaba de publicar o seu primeiro libro
A autora María Arias acaba de publicar o seu primeiro libro LAURA LÓPEZ

Esta lucense acaba de publicar o libro ilustrado «Guía-t x Lugo», unha obra visual e intuitiva sobre rutas, monumentos e paraxes naturais dos 67 concellos

03 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Monumentos, paraxes naturais, rutas, miradoiros, lendas, museos... Son algúns dos atractivos dos 67 concellos da provincia de Lugo que recolle o libro ilustrado Guía-T x Lugo. Trátase dunha obra moi visual e intuitiva creada e autoeditada pola lucense María Arias. Acaba de saír ao mercado e a súa acollida está superando todas as expectativas: «Foron mil os exemplares impresos, pero teño que tirar máis copias», recoñece Arias, impresionada e agradecida polo bo recibimento que está rexistrando o primeiro libro que publica. Da impresión encargouse Gráficas Lar, de Viveiro, para os que non ten máis ca palabras de gratitude.

—Que ofrece esta guía?

—Información básica e moi visual para coñecer a provincia, concello por concello. Aparecen ordenados por orde alfabética e conta cun mapa, cores distintivas... En cada concello destaco distintas rutas turísticas, de sendeirismo, monumentos, arquitectura, xacementos arqueolóxicos, miradoiros, centros de interpretación, lagoas, fervenzas, lendas...

Algunhas das ilustracións que aparecen na guía, estruturada por concellos
Algunhas das ilustracións que aparecen na guía, estruturada por concellos

—Está pensado para turistas?

—Serve para turistas, pero tamén para que a xente de Lugo coñeza o que ten ao seu carón. A provincia ten un potencial brutal en patrimonio, ocio e natureza, e moitas veces non valoramos o que temos preto. Estanmo mercando os concellos, a Deputación... para as bibliotecas, para facer regalos institucionais... Pero tamén o mercan moitos particulares; algún xa me dixo que o quería para telo como guía na autocaravana. É unha obra moi intuitiva, sen moito texto, presentada de maneira moi atractiva. Ao principio, pensei en meter uns códigos QR sobre cada elemento para dar información práctica do lugar, pero vin que era inviable. Ademais, ao final son espazos sobre os que se pode atopar información con facilidade en Google.

—Como xurdiu a idea de facer esta obra?

—Comezou como unha obra persoal, para gardar de recordo, sen pretensións. A min sempre me gustou moito a arte e teño formación artística, aínda que son moi autodidacta. Así que cando volviamos á casa despois de visitar en familia algún lugar, eu debuxaba o que viramos. Cando me quixen dar conta, tiña un montón de material. Así que no 2017 empecei a facer este traballo coa idea de crear un libro.

Algunhas das ilustracións que aparecen na guía, estruturada por concellos
Algunhas das ilustracións que aparecen na guía, estruturada por concellos

—Como foi o proceso de creación?

—Hai detrás un gran traballo de investigación: hai que visitar o sitio, documentarse, falar coa xente da zona, dar tamén coas curiosidades... Así que ao final tiven que facer un resumo porque non me chegaba o espazo.

—Onde se pode mercar?

—Por agora, está á venda nas librarías Lectocosmos, de Lugo; Agrasar, de Monforte de Lemos; e Bahía, de Foz, pero chegará a máis librarías e imprimirei máis exemplares.

—Terá continuidade este proxecto?

—Si, en redes sociais. Abrín a conta @guiatexlugo en Instagram coa información por comarcas. A idea é ir ampliando e actualizando a guía, co obxectivo de darlle continuidade e que estea viva, dunha maneira moi visual. Así que este é un proxecto que vai durar anos.