
O conxunto megalítico de Outeiro de Rei pode coñecerse a través do programa «Descubrindo Lugo»
28 abr 2020 . Actualizado a las 12:42 h.O programa «Descubrindo Lugo», que lanzou a Deputación, continúa abrindo unha fiestra ao patrimonio da provincia nos fogares dos cidadáns. Mediante vídeos curtos, o organismo provincial está dando a coñecer paisaxes e monumentos lucenses de gran valor.
Un deses recunchos é Penas de Rodas, situado na parroquia de Gaioso, en Outeiro de Rei. Trátase, segundo explican no vídeo da Deputación, dun conxunto megalítico de enorme valor, «vinculado ao coñecemento astronómico», e mesmo recordan que hai estudos que o relacionan co calendario solar.
Penas de Rodas impresiona e destaca polo tamaño das pedras de granito, de máis de quince metros de altura, asentadas sobre pequenas bases e que semellan estar a piques de caer. «A súa orientación tamén é curiosamente axeitada: cara a posta de sol no solsticio de verán e cara a saída do sol no solsticio de inverno», continúan no vídeo.
Lendas
En torno a estas moles de pedras foi medrando a fantasía popular, que creou numerosas crenzas e lendas. A máis estendida é aquela que afirma que no interior dunha das pedras hai ouro, que sería para o primeiro que lograra rompela, pero a outra rocha estaría chea de alcatrán, polo que se errase na elección, inundaría a zona en caso de romper. Ao non poder identificar cal é a rocha do tesouro, salváronse as dúas.
Na actualidade, Penas de Rodas é un lugar habilitado como zona recreativa, explican no vídeo da Deputación, «e xunto con outras superficies boscosas da zona, ríos e lagoas, convérteno nun lugar de interese comunitario integrado na Reserva da Biosfera Terras do Miño».
Versos de Manuel María
A sona e a atracción que xera Penas de Rodas engaiolou tamén a escritores. O propio Manuel María, poeta chairego nado na zona, dedicou estes versos a Penas de Rodas:
En Gaioso, ollando a Chá / Hai dúas penedas ergueitas. / ¡Semellan non ser verdá / redondeces tan ben feitas! / As Penas de Rodas son / dous ollos alucinados / Que espían con atención / Ós eidos máis alonxados. / Si ambas penas se desfán / arde, co mundo, un tesouro: / ¡unha pena é de alquitrán, / a outra unha trabe de ouro! / Non sodes, non, cantería, / ouh penas de encantamento. / ¡Temo que calquera día / vos poida levar o vento.
Os vídeos do programa «Descubrindo Lugo» mostran lugares emblemáticos da provincia, aportando datos curiosos e apelando á participación mediante adiviñas ou preguntas abertas. O obxectivo é abrir unha fiestra virtual, a modo de paseo, en tempos de confinamento, e que os ciudadáns vaian tomando nota de lugares que visitar cando termine o estado de alarma.