A cesteira que revive o rural de Lugo con formación sobre oficios: «Viñeron máis de 400 persoas»

Uxía Carrera Fernández
UXÍA CARRERA PORTOMARÍN / LA VOZ

PORTOMARÍN

Lola Tourón facendo un cesto na súa casa de Caborrecelle
Lola Tourón facendo un cesto na súa casa de Caborrecelle LAURA LEIRAS

Lola Tourón, coa asociación As Espigadoras, ensina cestería en Caborrecedo, Portomarín: «Hai que entender que aparte dun negocio, é cultura»

23 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A aldea de Caborrecelle, en Portomarín, converteuse nun pequeno refuxio de resistencia da cultura galega. A cesteira Lola Tourón, a través da asociación As Espigadoras, iniciou un proxecto de formación de oficios tradicionais que «si ou si» tiña que asentarse no rural: «Era vital para nós que se fixese aquí porque toda a oferta está na cidade e as aldeas non teñen actividades». Dende que comezaron timidamente hai catro anos, pasaron máis de 400 persoas de toda Galicia para poder aprender oficios como a cestería, da que quedan apenas uns oito profesionais.

A formación chegou ata Caborrecelle a raíz de que Lola Tourón se establecese como nova veciña. «Levaba moitísimos anos buscando un lugar para facer o meu proxecto e no que vivir nunha casa rústica». A artesá é de Carqueixada, no val de Lóuzara, en Samos. Aínda que se foi da montaña nunca se afastou do rural e precisamente nunha aldea era onde sempre quixo establecer a súa iniciativa.

Hai uns catro anos que atopou a casa idónea no núcleo de Portomarín, comprouna, mudouse e a asociación de As Espigadoras, que xa nacera antes, comezou a materializarse. De feito, Tourón non será a única que se mude a aldea.

LAURA LEIRAS

Os oficios tradicionais atravesan un momento de poucos profesionais e pouca oferta formativa así que a samonense deixou a produción para ensinar aos novos cesteiros. Organiza e imparte obradoiros no centro social da aldea e tamén no de Recelle. Se son grupos pequenos, fanse na súa propia casa. «É interesante que a xente da cidade poda vir ao rural o fin de semana e tamén que haxa movemento para a xente aquí», defende.

A cestería é un dos principais oficios que se ensina na aldea de Portomarín. Ademais, faise dende cero: «Tamén quixen facelo no rural porque non compro os materiais, senón que se conseguen da contorna, na natureza de Galicia hai infinidade deles». Tourón ensina a buscar, recoñecer, seleccionar e traballar os materiais. Adáptase ás plantas que haxa segundo a temporada e traballa maiormente nos meses de inverno. «Necesita un proceso longo antes de poñerse a facer a peza, ademais son meses de frío e choiva. O que non gastas comprando os materiais déixalo en tempo», explica.

Tourón asegura que dende o inicio houbo un gran demanda de interesados por aprender cestería porque apenas hai centros de formación. Comezaron con grupos de tres ou catro persoas polas medidas da pandemia ata que pasaron a ser mais e se trasladaron ao centro social. «Agora, sexamos os que sexamos, sempre se fan». Pasaron máis de 400 persoas neste tempo e a lucense asegura que, ás veces, os que imparten os obradoiros están «saturados» pola cantidade de xente que quere asistir.

La, papelería ou permacultura

Como «ninguén é profeta na súa terra», a maioría dos que se trasladan ata a aldea de Portomarín son persoas de toda Galicia pero non da zona. «Queremos que veña xente da comarca por iso comezaremos tamén a facer encontros de troco de sementes», conta Tourón.

A actividade das Espigadoras vai máis alá da cestería xa que abrangue varios oficios tradicionais. Tamén ensinan o proceso completo da la así como a reciclaxe de papel e a fabricación de produtos de papelería. Lola Tourón non só traballa con esta entidade senón que da formación en toda Galicia pola súa conta.

Na súa casa, ademais de artesanía, tamén imparte obradoiros sobre plantas medicinais e permacultura. «Venme de tradición familiar, fago cremas, ungüentos, teño un bosque comestible e unha horta de plantas medicinais», explica. O abanico chega incluso ata charlas sobre os ciclos da muller, dende a regra ata a menopausia: «O obxectivo tamén é crear comunidade».

Tourón tamén da obradoiros de plantas medicinais ou permacultura
Tourón tamén da obradoiros de plantas medicinais ou permacultura LAURA LEIRAS

«Hai que entender que os oficios son cultura aparte de un negocio»

A cesteira samonense deixou de producir tras 12 anos intensos nos que rematou con tendinite e «dedos tortos». Pero mais que a súas mans, a mala saúde afecta aos oficios tradicionais: «Quedamos moi poucos porque é moi difícil que sexa unha dedicación profesional, temos que compaxinalo con outra cousa».

Tourón fixo no 2003 a súa primeira exposición tras introducirse no oficio cun obradoiro no Centrad. Xa naquel momento a formación era escasa e tivo que investigar pola súa conta os materiais silvestres cos que podía traballar. Tamén foi autodidacta para aprender tódalas técnicas tradicionais e experimentar coas contemporáneas, para o que se foi a países como Polonia. Fai esculturas, cabanas vivas ou cestos tradicionais.

As súas técnicas predilectas son a cestería de colmo, que está practicamente extinta, e a cestería de caos, aplicada á moda. «Non estou especializada en nada, pero teño un abanico moi grande», detalla.

Tourón resalta que pode parecer que a cestería está de moda, polo interese de grandes empresas foráneas polos produtos locais, pero «iso non é o mantemento da cestería e non serve para manter as técnicas tradicionais». Por unha parte, considera que tería que haber escolas para aprender porque «os poucos que somos non podemos abarcar todo», ao mesmo tempo que se recolle información doutros países sobre os novos movementos do oficio.

Por outra parte, cree que se queren protexer a cestería debe facilitarse o inicio profesional dos interesados. «Hai xente que vai a clase, fabrica uns cantos cestos, pero para vendelos nunha feira ten que facerse autónomo e non lle compensa», conta. Tourón defende que hai que entender que a cestería non necesariamente ten que implicar un rendemento económico: «Aparte dun negocio, é cultura».