Mari Carmen Casasnovas: «Antes a muller tiña que pedir permiso ao home ata para sacar o pasaporte»

SARRIA

A Federación impulsa un programa de igualdade e loita contra a violencia no rural
16 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Mari Carmen Casasnovas tiña pouco máis de vinte anos cando, en plena década dos setenta, comezou a traballar como administrativa. Sentada na súa mesa tivo que escoitar frases como que as mulleres se incorporaban ao mercado laboral roubábanlle o traballo aos homes, que debería estar na casa ou mesmo que era unha marimacho. «As mulleres que eran secretarias ou enfermeiras sempre se consideraba que eran queridas de alguén», relata.
Foi ese caldo de cultivo e a súa propia personalidade os que fixeron que tomase conciencia da realidade, que se mergullase na loita pola igualdade e que sexa unha firme defensora da mesma dende hai décadas. «É posible que moitas mulleres, sobre todo as máis novas, non sexan conscientes de todo o que se avanzou a base de loitar. Ata non hai tantas décadas a muller tiña que ter permiso do home para sacar o pasaporte e ir ao estranxeiro, non podía mercar unha propiedade ou mesmo no Código Civil estaba un chanzo por debaixo do home. É necesario que se saiba para ver o que se conseguiu e que hai que seguir pelexando».
«É posible que moitas mulleres non sexan conscientes de todo o que se avanzou a base de loitar»
Mari Carmen é vicepresidenta da área de muller da Federación de veciños e dende ela, xunto ao resto de compañeiros, loita por unha igualdade real e pola erradicación da violencia de xénero. Agora o colectivo está enfrascado nun programa de igualdade pensado especificamente para loitar contra esa violencia contra a muller especialmente no rural.
«Hai un par de anos participamos en Zaragoza no primeiro congreso de mulleres veciñais de España. Alí decateime de que todas falaban da defensa da muller, pero nós eramos o único colectivo que representaba o movemento rural, así que o que fixen foi falar da realidade da muller lucense nese entorno».
Dende entón puxeron en marcha distintas iniciativas e agora teñen programadas varias charlas pola provincia. Hoxe será ás 17 en Muxa, mañá en Esperante, xoves en Sarria, o 23 na Piringalla e o 25 en Guntín. E están á espera de máis encontros.
Matices no rural
¿É igual a violencia contra a muller no rural e no entorno urbano? Ten matices, opina Mari Carmen. «Lembro unha xuntanza que fixemos en Lugo con mulleres de toda a provincia. Nela, unha comentábanos que se ela avisaba de que alguén sufría malos tratos, ao pouco tempo se sabería que fora ela quen dera o aviso. A violencia, o sufrimento, é o mesmo, a diferenza é que no rural é probable que o agresor sexa parente de media aldea. Aí complícase a situación».
A análise de Casasnovas apunta tamén a que no entorno rural existe nas mulleres máis maiores certa asunción de que están un pouco por debaixo dos varóns. «Salvo que teñan fillos, aí cambia a situación», engade.
Romper estas visións patriarcais, herdadas e erróneas leva o seu tempo e o seu traballo, de aí as charlas que organiza a Federación. «Teñen tres partes, unha na que falamos de igualdade e de violencia de xénero; unha segunda na que tratamos a visivilización da muller no sentido de que por que ao longo das décadas se ignoraban ás filósofas ou ás escritoras; e unha terceira parte na que se trata por que os homes sempre din que hai igualdade e que as mulleres sempre mandan, cando a realidade é ben distintas».
Pequenas obras teatrais completan estas charlas, abertas a un público masculino e feminino, e que tentan aportar un grao de area nunha batalla longa. «Realmente, se coas nosas charlas lograramos salvar a vida dunha muller, xa seríamos felices», confesa Mari Carmen.