Touriñán, comediante: «Nunca pensei que esta acabaría sendo a miña profesión»

María Quelle / M G. LUGO/ LA VOZ

SARRIA

Touriñán no seu espectáculo
Touriñán no seu espectáculo

O humorista de Culleredo presenta este sábado o seu número «Aquí tou» no Ultreia et Suseia en Sarria

21 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Antonio Touriñán (Castelo, 1980) é un comediante, actor e presentador cun sentido do humor típico galego. A paixón polo que fai e pola súa terra, mestúranse convertíndoo nun dos máis coñecidos no seu campo. Levou o seu humor a formatos como programas nocturnos, sketches, comedias de situación e espazos divulgativos. O sábado 22 de xullo presenta no Auditorio Meigas e Trasgos (Sarria) o número Aquí Tou. As entradas pódense adquirir entradas.ataquilla.com por un prezo de 18 euros. 

—O mundo da comedia foi algo que sempre lle chamou a atención ou deuse por algunha circunstancia?

—Non me chame de vostede por favor [risas], xa son maior pero fasme sentir máis vello aínda. A profesión de cómico e de actor escolleume ela a min, non eu a ela. Foi por casualidade e xogando. Nunca pensei que esta acabaría sendo a miña profesión, aínda que non o pareza eu era moi vergonzoso... Pasábao bastante mal para falar no colexio e diante de xente. Cando acabei o instituto comecei a facer teatro e actuar con Marcos Pereiro co de Nucha e Mucha. Foi aí onde se converteu en profesión. Ata ese momento nunca pensei que nacera para iso, de feito nunca me subira a unha mesa para cantar ou contar chistes como outros cativos.

—Cales eran os seus plans antes de saber no que ía converterse?

—O meu plan era facer Filoloxía galego- portugesa para ser mestre de instituto, supoño que de galego. Aínda que pensandoo ben non creo que me dedicara a iso. Tamén me gustaría algo que tivera que ver con organizar cousas, traballar nunha empresa...non o teño moi claro, pero algo dese estilo.

—Se tivera que describirse con tres adxecivos, cales serían?

—É difícil esta pregunta... Diría cabezón, decidido e non sei...

—Simpático podería ser un deles?

 —A min mesmo non me considero simpático. No profesional sí, pero na vida diaria non te creas. De feito emprego moito a palabra toxo como adxectivo para referirme a unha persoa seria ou que anda medio enfadada todos os días. E a min pásame iso [risas], despois vaime pasando ao longo do día pero, cando me levanto cústame, polo que diría que son bastante toxo. Poden confirmalo as persoas que lles toca vivir conmigo todos os días. Creo que é porque teño que gardar o humor e a comedia para cando traballo, entón gasto pouca no día a día [risas].

—Alguén que admire no mundo da comedia?

—Puf... a un montón de xente. Teño un gran repertorio: Federico Pérez, Marcos Pereiro, Javier Veiga, David Amor...Ademais teño a sorte de que case todos aos que admiro son coñecidos e compañeiros, entón é marabilloso.

—É sabido que é unha persoa que traballa moito. Fai monólogos, películas, teatro, comedia, presentador...Se tivera que quedarse con tan so unha delas, cal sería?

—Penso que cómico no sentido do teatro, do escenario. Se me tivera que quedar con unha e vivir deso faría so espectáculo de comedia e monólogos en directo.

—Algún hobby que teña na actualidade?

 —Comer e beber [risas]. Cando teño tempo gústame quedar cos amigos para comer, é o meu maior hobby.

—De todas as actuacións que fixo, qué película e obra lle deixou mellor recordo?

—A nai de todas as cousas que fixen é Mucha e Nucha seguro. Foi co que comecei, algo que creamos nós e é do que estou máis orgulloso. Despois, máis aló diso, a primeira vez que actuei no teatro foi cunha peza que se chama «Amigos ata a morte» da que teño un grandísimo recordo porque o pasamos moi ben. En canto a televisión e o cine quedaríame con Cuñados porque traballei con dous dos grandes deste país, Miguel de Lira e Federico Pérez, aos que admiro moitísimo.

—Hai dous anos creou a iniciativa «Un dos meus» para promocionar a canteira do Deportivo da Coruña. Escolleu o equipo ao azar ou é seguidor do Deportivo?

—Son moi seguidor do deportivo ou como eu o chamo, moi deportivista. É unha paixón que teño dende sempre. Se hai algo me gustaría ser dende neno é futbolista, como ocorre ca gran maioría dos rapaces; polo menos dos da miña xeración, agora queren ser youtubers, influencers e todo iso... Na miña casa sempre gustou moito o fútbol, o que pasa é que eran madridistas, o meu pai, avó... A verdade, é que as xeracións máis novas, os meus tíos e primos xa fomos máis do deportivo. Tamén porque nos tocou vivir a marabillosa época do equipo.

—Cre que en Galicia pode desenvolver mellor as súas dotes humorísticas ca noutro lugar? No sentido de que é a súa terra, coñece as costumes...

—Penso que sí, polo idioma directamente e pola cercanía cas cousas que ocorren. Para facer comedia é moi importante saber do que falas e sobre todo, quen te escoita ten que saber de que estás falando. Eu crieimei no rural e vivo nun entorno que está implícito no meu humor, polo que é moito máis sinxelo entendelo se tamén o vives. O idioma no que eu penso, no que a min se me ocorren as ideas é o galego. 

—É a primeira vez que actúa no Ultreia et Suseia en Sarria?

 —Nese festival en concreto sí pero en Sarria xa estiven un par de veces. De feito, o ano pasado tamén estiven nun festival alí con Vaquero, Clavero, David Amor e outros cómicos.

—Pódese saber un pouco sobre o número que vai levar a Sarria este sábado?

—Pódese saber moito [risas]. É un número que se chama Aquí Tou, e o espectáculo consiste en contar a miña vida dende que nacín. Bueno, incluso antes de nacer e das aspiracións que eu tiña. Farei un percorrido por momentos importantes ata chegar ao que desexo o día que xa non estea. Con isto xa che resumo todo o que vai a ocorrer no escenario en Sarria.

—É un espectáculo novo?

—Non, levo xa un tempo facendoo. Ata ía facer un parón co espectáculo porque temos un en setembro e estamos traballando en novas ideas, pero xusto apareceu o de Sarria antes do verán.