A regueifa triunfa entre rapaces de Vilalba: «Gústame porque axuda a pensar»

La Voz

VILALBA

Estudantes do IES Basanta Silva no obradoiro de regueifa, que dirixe a profesora Almudena Falcón (de pé, ao fondo).
Estudantes do IES Basanta Silva no obradoiro de regueifa, que dirixe a profesora Almudena Falcón (de pé, ao fondo). PALACIOS

Estudantes do IES Basanta Silva dedican un día á semana a artellar composicións ao xeito tradicional

20 ene 2024 . Actualizado a las 21:07 h.

No tempo do recreo, unha vez por semana, regueifa. Velaí a actividade que desenvolven un día por semana, os xoves, rapaces de Vilalba. Estudantes do IES Basanta Silva teñen convertido a regueifa nunha actividade de lecer: mentres se oen voces que chegan de fóra, nunha aula, con carteis que reproducen poemas de autores da Terra Chá nos que a comarca está presente, e que proceden de xogos ou de balbordo, eles concéntranse na procura da expresión exacta.

Cómpre atopar unhas poucas palabras e algo de ritmo para que a composición, ao ser recitada, acade o interese do oínte e anime a outros a faceren unha continuación ou unha réplica. A profesora Almudena Falcón, que coordina a iniciativa, achega unhas palabras («frío», «Galicia», «maiores», «inverno» e «residencia») para animar aos rapaces.

A sementeira de palabras dá froito. Non fai falta moito tempo para que escoite a primeira composición. «Aquí estamos, en Galicia,/ pero sen cantar en vano./ Hoxe temos moito frío/ e canto con menos gana», di unha delas. Pouco despois, da fonte das palabras abrolla outra composición, aínda que a profesora advirte de que lle faltan sílabas para conseguir unha forma axeitada. Pero a corrente non se para, e aparece outra: «Vouche dicir unha cousa/, aquí estamos en Galiza/, e nesta residencia/ todo é unha ledicia».

Doce rapaces participaron este xoves no obradoiro, que se desenvolveu durante media hora, de once e cuarto a doce menos cuarto. Tres delas chegaron un pouco tarde porque antes tiñan que participar na competición de brilé, un xogo que tamén se practica no IES Basanta Silva como actividade extraescolar e que semella outra consecuencia dunha idea común, dar aos rapaces alicientes de lecer sen necesidade de moito gasto.

Que os asistentes interveñen con satisfacción semella claro, como algún deles comenta ao remate da sesión, antes de volver ás clases do día. Laura Guizán, alumna de cuarto da ESO, admite claramente que o pasa ben. «Gústame regueifar», di. «A regueifa axuda a pensar e é divertida», engade. Válelle tamén para aprender novas palabras, aínda que o castelán é o idioma no que adoita falar.

Confesa que lle gusta ler e que o seu autor favorito é Stephen King. Pode pensarse que ese autor queda un pouco lonxe do mundo da regueifa, pero a profesora Almudena Falcón atopa un camiño que fai máis curta esa distancia: di que King é un autor no que hai terror e humor, conceptos que se poden atopar na regueifa. A alumna subliña que regueifar ten moitas vantaxes: «O que máis me gusta é facer xogos de palabras, a regueifa gústame porque me axuda a pensar», di.

Tomás Cano, que tamén estuda cuarto da ESO, é outro exemplo de que a regueifa seduce aos rapaces. Gústalle escribir e ler, pero non expresa predilección por ningún autor concreto. A profesora que coordina o proxecto afirma que a actividade é doada e cómoda para os estudantes, case coma un deporte. O curso pasado había arredor de medio cento de rapaces  e este non se chega a vinte, pero o entusiasmo non mingua.

A vindeira semana terá lugar unha actividade na Residencia de Persoas Maiores de Vilalba, e prevese tamén achegar a regueifa aos nenos de Educación Infantil dos colexios do concello. Haxa máis ou menos xente participando, Almudena Falcón salienta que se pode tirar proveito da regueifa: «Foméntase o pensamento», di.