Volve a Tasca do Liño de Vilalba: «O que máis sorprende é ver como dunha herba seca e dura sae un fío sedoso e brillante»

Laura López LUGO / LA VOZ

VILALBA

Un momento da Tasca do Liño do ano pasado, coa artesá téxtil Miriam Fernández
Un momento da Tasca do Liño do ano pasado, coa artesá téxtil Miriam Fernández óscar cela

A tecelá e historiadora da arte Miriam Fernández Otero detalla o programa dunha cita coa cultura e a tradición, que inclúe música, demostracións, obradoiros, charlas , artesanía, exposicións e gastronomía

15 oct 2025 . Actualizado a las 13:40 h.

A tradición do cultivo do liño ten unha auténtica salvagarda na Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu de Insua, un colectivo que, entre as súas múltiples actividades de investigación e divulgación, organiza desde hai dezasete anos a Tasca do Liño de Insua. Este ano terá lugar o sábado 25 durante todo o día. Conta todos os detalles da celebración Miriam Fernández Otero (San Bartolomeu de Insua, Vilalba, 1990), quen, ademais de ser secretaria e fundadora da asociación, é artesá téxtil, historiadora da arte e encargada (xunto á súa nai) do obradoiro Fusaiola.

—Que destaca da programación deste ano?

—O programa segue máis ou menos a mesma liña destes anos. O pregoeiro é Antón Tenreiro Ferreiro, cuxa muller, Pastora Veres, da Lareira de Soños, xa estivera de pregoeira hai uns anos. Tamén contaremos coas demostracións habituais, á mañá e á tarde, e unha charla cun arqueólogo experto no mundo téxtil e no liño. Ademais, haberá artesáns todo o día, con tornaría, Álvaro Pin coas zocas, obradoiros abertos a todos... Non faltará a música nin a degustación do «cacho», que era a merenda típica das tascas do liño; está feito a base de leite fervido a lume lento, con azucre a pan de trigo, unha comida moi apreciada porque non era habitual comer o pan de trigo.

—Canta xente agardan na Tasca?

—Inflúe moito o tempo, aínda que cómpre dicir que temos carpa. Pero máis de 500 persoas sempre veñen. Hai xente de todo tipo, de todas as xeracións, e iso vese, sobre todo, cando rematamos as demostracións: aos maiores gústalles porque recordan a súa infancia, aos de mediana idade sérvelles para ver en directo como era o que contaban os seus maiores, e para os nenos é descubrir algo novo.

—Que é o que máis sorprende ao público?

—As demostracións gustan moito porque imos explicando todo o proceso. Pero o que máis lles sorprende é ver como dunha herba seca e dura sae un fío sedoso e brillante. Porque o liño, cando chega á tasca, faino en forma de mollos dunha herba seca e dura. Despois mázase co mazote e vai quedando a fibra limpa e maleable. Aquí na parroquia de Insua eran moi importantes as tascas, posto que as fías facíanas cada un na súa casa. Pero, nas tascas, íase de casa en casa, axudándose uns aos outros, e facíase festa, eran comunitarias.

—Como foi o cultivo do liño este ano?

—Este ano atrasouse porque choveu bastante en primavera e tiñamos medo de que podrecera, pero despois veu un verán bo e recollemos cara agosto. Tampouco plantamos moito porque o facemos cun afán de divulgación, máis ca de venda. Confeccionamos pezas básicas, como rolos de teas «a granel» para ir cortando, manteis, bovinas pequenas para vender...

—Hai relevo xeracional na artesanía téxtil?

—O relevo xeracional é difícil na artesanía en xeral, non só no sector téxtil. Vivir en exclusiva da artesanía é complicado, porque non hai unha seguridade, porque a xente ten que valorar este oficio... Se houbera máis seguridade, si que habería máis relevo. Pero os que nos dedicamos a isto temos que diversificar para poder vivir. Eu combino o oficio propiamente artesanal coa xestión cultural, imparto cursos, fago exposicións, dou charlas, fago publicacións sobre tecidos, continúo con Fusaiola xunto á miña nai...

O ciclo do liño

O ciclo do liño é anual. Comeza co cultivo no mes de marzo, sácanselle as malas herbas, déixase medrar, florea, cáelle a flor, amarelece e recóllese en agosto. Despois rípase, báixase ao río para que se desprenda a fibra do talo e sécase. É a continuación cando chega a tasca, que consiste en limpar o liño e sacarlle a codia. Cun mazote, rómpese a «aresca» e quítase nun banco tascón. Despois, gárdase para fiar no inverno.

Programa 

Sábado 25

· 11.00h. Apertura da xornada.

· 11.15h. Pregón a cargo de Antón Tenreiro Ferreiro, activista político-artístico-cultural.

· 12.00h. Demostración da Tasca do Liño.

· 13.00h. Entrevista a Manuel Rodríguez Calviño, Os espadeleiros do Miño.

· 14.00h. Xantar popular: Cátering Chao da Brea, previa reserva no 696 618 454.

· 16.30h. Actuación do grupo tradicional Mestura de Nete.

· 17.30h. Demostración da Tasca do Liño.

· 18.00h. Degustación do «Cacho».

· 18.30h. Actuacións de Airiños da Freba e do grupo de baile O Xeito, coa «Verbena galega d’antes».

· 20.00h. Espectáculo da Queimada, con Manolo Ferreiro.

· Ao remate. Foliada.

· Durante toda a xornada: obradoiros participativos con tinguido por reserva Tie Dye, estampación en papel reciclado e cerámica (Amor ó Teu, Peixesapop e La Bellota Mágica), exposición de traxes do Centrad da Deputación, filloas de Muimenta, postos artesáns e artesanía en vivo.