Memoria de Castelao

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Estatua de Castelao en la Praza da Imprenta de Ourense.
Estatua de Castelao en la Praza da Imprenta de Ourense. PABLO ARAUJO

17 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O 15 de novembro de 1944 constituíase en Montevideo o Consello de Galiza, institución que naceu no exilio coa idea de manter viva a representación democrática da soberanía galega, que o 28 de xuño de 1936 votara masivamente a favor do Estatuto de Autonomía e estragou logo a Guerra Civil. Fanse oitenta anos dende a constitución do Consello, unha idea política de Castelao que el mesmo presidiu ata o seu falecemento en xaneiro de 1950. O Parlamento de Galicia, con representación de todos os grupos parlamentarios, conmemorou o pasado venres este capítulo da nosa historia e, ao mesmo tempo, lembrou a figura de quen, sen dúbida, é o referente político máis sobranceiro da Galicia contemporánea.

O tempo axigantou a súa figura. Non é a primeira vez que conto esta anécdota. Cando en xaneiro de 1975 se facían vinte e cinco anos do pasamento de Castelao, o xornalista Xosé María García Palmeiro e mais eu fixemos unha reportaxe para un programa de radio no que saïamos á rúa, en Santiago de Compostela, e preguntabamos á xente que sabía do persoeiro. Fixemos 62 entrevistas nas portas da universidade e na praza de abastos, contra o mediodía. Soamente cinco souberon dicirnos: «Foi un debuxante galego». Moitos confundíano cun propietario dun popular almacén de froita que había na cidade.

Esta era a realidade da memoria. Non hai tanto tempo daquela. A Guerra Civil, e sobre todo a posguerra, pasou por riba de nós coma unha arrasadeira, como unha apisoadora, con efectos especialmente devastadores entre a xente nova, as xeracións que nacemos despois. Un debuxante galego, no mellor dos casos. Iso era Castelao para a xente do común que a aquelas horas bulía arredor da facultade e o mercado de Compostela.

Hoxe as cousas son doutra maneira, certamente. Entre outras razóns polas conquistas democráticas que se concretaron a partir de 1975-1980 e o movemento de sensibilización popular que sectores comprometidos coa memoria do país viñan sementando dende anos antes. Mais tamén pola pegada que a propia figura de Castelao deixou nos seus contemporáneos e na historia. Poucas personalidades tan recoñecidas, tan xenerosas, tan populares e, sobre todo, con tanta capacidade de conciliación, aglutinación e consenso como a que estes días lembramos e volveremos lembrar a partir do 7 de xaneiro, no setenta e cinco aniversario do seu pasamento na cidade de Bos Aires. Se cadra hoxe máis ca nunca necesitamos estas persoas de conciliación, espazos de encontro para construír futuro mesmo dende as diferenzas e a diversidade, que é apostar polo respecto aos que non pensan igual ca nós, aprendendo a esperar que a semente dea froitos. Wenceslao Fernández Flórez, quizais o cronista parlamentario máis popular da súa época, definiu a Castelao nas páxinas do ABC coma un Gandhi galego. Non é unha mala definición.