A vivenda, o turismo e mais nós

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Estación de ferrocarril da Coruña.
Estación de ferrocarril da Coruña. Denís E. F.

14 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Tratar de comprender esta sociedade móbil esixe relacionar a actividade turística, a demanda de vivenda accesible para unha mocidade que quere emanciparse, e tamén para os inmigrantes, e o coidado do ambiente e do patrimonio.

O quid da cuestión é que nas últimas décadas a promoción da vivenda quedou en mans do mercado inmobiliario. Non é un fallo do mercado, senón do sector público, que deixou de construír aloxamentos protexidos, que arestora non chegan ao 4 %.

Por outro lado, viaxar é accesible para unha parte importante da poboación. Entre nós chamámonos turistas, conscientes de que canto máis medra o turismo mellor vai a economía e, asemade, aumenta a presión inmobiliaria. Como pasar deste estado de hipertensión a unha normotensión? As Administracións europea, estatal, autonómica e local van por detrás, con leis e regulamentos ás veces incompatibles que suscitan conflitos que resolve a Administración de Xustiza.

A taxa turística, ao final, non é disuasoria, senón que quedou reducida a un ingreso neto para paliar os danos ambientais e materiais. De se implantar unha taxa elevada, o desfrute da cidade dividiríase entre dous tipos de turismo: o que se entende como de calidade, economicamente potente, que nin se decataría do gasto adicional, e o turismo popular, con outra tarifa menor por meses, días e horas.

Ao mesmo tempo, a inmigración que cobre os postos de traballo que non ocupan os españois necesita vivenda económica, non en barrios segregados, senón moradas dignas en barrios dignos. Iso resólveo o planeamento, pero leva tempo transformar o «solo de papel» planificado en solo edificable.

Voracidade é a palabra acaída para aqueles que sempre buscan beneficio fácil e sen límite. Cando os demais compramos unha vivenda estamos a mercar «accións de solo», como garantía do futuro familiar. Moitos poden manifestarse a mediodía contra a carestía da vivenda e, á noite, botar contas sobre as rendas de posición do seu acubillo. Ninguén é perfecto.

Coas crises e as burbullas periódicas, a maioría social perde posicións, os insignificantes desaparecen nas marxes e só medran os opulentos. Pode haber outra solución? Necesitamos compartir un pensamento crítico para coidar o xardín da convivencia e tratar de arrefriar esta paixón inmobiliaria. Ante semellante desafío, as Administracións teñen que consorciar competencias e orzamentos, decretar unha moratoria lexislativa e construír nos solos dispoñibles vivendas en alugueiro a prezos accesibles para propios e migrantes.