Non son as letras, é a fala

Sandra Faginas Souto
Sandra Faginas MIRA E VERÁS

OPINIÓN

As cantareiras Icía e Manuela
As cantareiras Icía e Manuela Concha Salgado

17 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando hai uns meses soubemos que sete cantareiras ían ser as homenaxeadas no Día das Letras houbo algúns escritores que botaron as mans á cabeza. Asustados de que se premiase o cantar, a lingua bailada nas voces das mulleres, pensando, claro, que ese galego non era merecedor do premio. E non hai mellor galardón nin máis sorte nin máis sostén ca unha lingua que se canta, un idioma que está vivo nas festas, nas xuntanzas familiares e que agroma en alalás. As coplas, as cantigas, e toda a tradición oral salvaron o galego do inferno cando non se podía escribir. Foi na gorxa da xente onde resistiu as cornadas do destino. Agora, en cambio, o galego escríbese, póñense as letras por diante e fanse discursos que previamente foron traducidos nun ordenador desmerecendo a fala. É aí onde o galego ten a cerna, porque o corazón está na voz dun pobo que canta a vida, como fixeron Eva, Adolfina, Rosa Prudencia, Asunción, Teresa e Manuela. Elas traballaban e cantaban sen diferenciar idiomas, sen cuestionar a súa fala, sen mallar nos pensamentos nin nos prexuízos. Eran sabias e analfabetas da escrita e, porén, sostiveron mellor ca ninguén o país que somos. O galego necesita máis fala, máis vida na rúa, máis coplas, máis música, máis alegría e máis foliada que o empurre. Non hai literatura se non hai contos que abrollen na casa. Non hai vida se non hai lingua para cantar.