
Cataluña e Baleares, con 19,9 e 15,3 millóns de visitantes cada unha, foron no ano 2024 as comunidades con máis actividade turística, seguidas de Canarias, Andalucía, Madrid e Valencia. Logo atópase o grupo de Galicia, que con 8,2 millóns de visitantes rexistrou o seu récord de turistas. Destes territorios, unicamente Cataluña e Baleares, con máis do dobre de visitantes que Galicia, teñen establecido de xeito autonómico un imposto que grave as estancias nos aloxamentos turísticos locais, e isto dentro dun Estado que é líder mundial, no que só este sector achegou o ano pasado 207.763 millóns ao PIB nacional para redistribuír entre os distintos territorios e os cidadáns.
A análise da realidade turística galega actual, distintos estudos e investigacións, froito da colaboración entre a Axencia Turismo de Galicia e varias universidades, orientan a que na comunidade galega non é preciso neste momento aplicar unha taxa sobre as persoas que se aloxen nos establecementos turísticos de Galicia no ámbito autonómico.
Porén, logo dun proceso de diálogo previo entre representantes autonómicos, municipais e o sector, o Parlamento aprobou a lei sobre o imposto galego sobre estancias turísticas, que é clara nos seus requisitos: que polo menos o 80 % do recadado sexa investido en medidas de turismo sostible e que teña o consenso co sector turístico. E agora, os concellos que están avanzando nesta medida deben ser conscientes da súa responsabilidade cara aos seus veciños e tamén cara ao conxunto do sector turístico. Porque unha taxa mal deseñada, mal implementada e sen consenso, pode xerar efectos que transcenden o ámbito municipal e chegar a afectar á competitividade do destino Galicia no seu conxunto.
Deste xeito, ponse a disposición dos entes municipais un elemento exclusivo que permite achegar máis recursos á actividade turística pero é necesaria unha análise e un debate serio e construtivo cos representantes da cidadanía e o sector turístico, de xeito que se contribúa a fortalecer, estruturar, reorganizar e facer cada vez máis sostible unha das actividades que máis beneficia na actualidade á economía e aos cidadáns de Galicia.
Este é precisamente o sentido no que haberá que orientar a implantación e desenvolvemento deste imposto, lonxe de convertelo nunha tributación máis, establecida para arranxar eivas recorrentes de xestión nos servizos municipais nos que a influencia da actividade turística non estea determinada.
Galicia vive o seu mellor momento turístico, nun contexto no que a achega deste sector ao tecido económico é mais evidente ca nunca. Só no 2024, o sector hoteleiro galego ingresou 431,2 millóns de euros, un 6,7 % máis ca o ano anterior, co impacto beneficioso que iso ten sobre a imaxe de Galicia e na creación de emprego. Estamos nun escenario de retos para o turismo, cunha actividade cada vez máis dinámica, pero tamén cun crecemento sostido e repartido. Temos agora a oportunidade de consolidármonos como un destino turístico acolledor que recibe os seus visitantes con respecto e que traballa por dar ao turismo o papel que lle corresponde como un dos piares da economía.
As políticas de promoción, o apoio ao empresariado e un traballo sostido para deseñar un destino con personalidade propia téñennos situado onde queriamos estar: nunha contorna na que a actividade medra de xeito sostido, na que os visitantes internacionais pasan do 30 %, na que se incrementan as viaxes a Galicia nos meses de menor demanda e na que os beneficios do turismo cada vez se estenden máis. Galicia consolídase como un destino con identidade, con futuro, e todos temos a responsabilidade de traballar na mesma dirección para que esta actividade continúe a ser un elemento xerador de riqueza que beneficie á sociedade.