Hai momentos que poñen a proba a capacidade, mesmo a vontade, dos gobernos para dar resposta aos problemas da cidadanía. O pasado mes de agosto Galicia viviu unha situación límite, con decenas de incendios forestais que arrasaron os montes de Lugo e, sobre todo, de Ourense. Unha emerxencia que afectou tamén ás comunicacións, deixando á nosa terra practicamente illada do resto de España. Bloqueáronse tramos ferroviarios esenciais, quedaron cortadas as vías de acceso por estrada e, de feito, miles de persoas víronse obrigadas a buscar alternativas de transporte aéreo para poder regresar coas súas familias, acudir a atender urxencias ou simplemente volver aos seus fogares e traballos.
Neste contexto de vulnerabilidade colectiva, catro compañías aéreas (Iberia, Ryanair, EasyJet e Vueling) activaron unha dinámica que só se pode cualificar como de especulación inmoral: elevaron o prezo dos billetes ata cinco veces o seu custo habitual. Incrementos do 600 %. Non foi unha oscilación do mercado. Non foi un axuste técnico. Foi un abuso deliberado. As compañías aéreas aproveitaron unha situación de emerxencia e de vulnerabilidade para facer caixa.
Ante esta practica inaceptable, Sumar rexistrou ante a Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) unha solicitude formal de investigación e sanción contra estas compañías. Nesta denuncia acusamos as liñas aéreas de actuar de forma abusiva, opaca e contraria á normativa de defensa dos consumidores, e mesmo á lexislación da navegación aérea e ás normas da competencia. Por iso, AESA debe examinar se existiu, como agravante, algún tipo de concertación de prezos entre as compañías. Esiximos o que é de xustiza: devolución do diñeiro cobrado de maneira desproporcionada e compensación para os afectados. Subir os prezos nunha situación de emerxencia vai máis ala do abuso económico para situarse como un problema de ética empresarial, de modelo de sociedade, de valores morais: lucrarse aproveitando a situación de emerxencia, de dor colectivo, é inaceptable nunha sociedade democrática. Este episodio pon de evidencia un problema estrutural: cando non hai regulación efectiva, cando se deixa que os mercados actúen sen outro criterio que non sexa o beneficio, o resultado é que os máis vulnerables acabamos pagando a factura.
Dende Sumar reclamamos algo esencial: que os servizos estratéxicos —como é o transporte— non estean sometidos á chantaxe do beneficio rápido. A mobilidade non pode ser un luxo, senón un dereito que facilite a cohesión territorial e a igualdade.
E aquí é importante subliñar un feito: a alarmante incapacidade da Xunta para anticipar, previr e xestionar emerxencias como esta. Cando se descubriu que as liñas aéreas estaban a especular co sufrimento da xente, a Xunta e o Partido Popular gardaron silencio. Nin unha denuncia. Nin unha medida de presión institucional. Nin unha defensa seria dos consumidores galegos.
Nunha democracia profunda, o ocorrido debería abrir un debate máis amplo: imos permitir que as grandes corporacións actúen sen escrúpulos ante situacións de emerxencia? Ou imos esixir que a economía estea ao servizo da vida e das persoas?