O fiscal xeral do Estado acude á homenaxe caldelá a tres xuristas

J. M. G.

OURENSE

29 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

O fiscal xeral do Estado, Cándido Conde Pumpido, estará hoxe en Castro Caldelas onde vai participar nos actos de homenaxe ós xuristas Claudio Movilla, Orencio Pérez e Manuel Casado Nieto, xa desaparecidos, que se distinguiron polo pulo que lle deron á lingua e cultura galegas nas súas carreiras. Todos eles son caldelaos. A homenaxe consistirá na dedicación dun monolito, acto englobado nun curso universitario que será inaugurado ás 09.45 horas, no castelo da vila, pola directora xeral de Xustiza, Begoña Santos Fernández.

A continuación proxectarase o documental Homes de lei . Ás 10.20 horas Perfecto Andrés Ibáñez, maxistrado do Tribunal Supremo, Xosé Manuel Salgado, profesor de Filosofía da Universidade de Santiago e Xosé Xoán Barreiro Prado, presidente da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra, falarán dos tres xuristas caldelaos.

No medio día o catedrático de Historia e presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz, disertará sobre Proxectos estatutarios de Galicia: 1931-1981. Corenta minutos despois, Conde Pumpido amosará unha ponenza titulada O Ministerio Fiscal no Estado das Autonomías . Tan pronto como remate de falar, os asistentes ó curso baixarán ata os xardíns que ai diante do Santuario dos Remedios onde será descuberto un monolito que leva en bronde as caras dos tres xuristas caldelaos, obra do escultor vigués José Molares. Este acto contará coa intervención do alcalde, Eladio Osorio Castro; da secretaria xeral de Política Lingúística, Marisol López Martínez e da patrona da Fundación Alonso Martín Escudero, Elisa Polanco.

Tra-lo xantar, ás 17.00 horas falará o catedrático Jesús de Juana López, da Universidade de Vigo. O seu tema será As ideas fundamentais de Vicente Risco . A xornada rematará cunha mesa redonda titulada Proxecto de estatuto para Galicia . Moderará o xefe superior de Policía de Galicia, Luís Manuel García Mañá e intervirán un deputado do BNG, outro do PP e un do PSOE.

Ás 18.40 horas haberá unha visita guiada a lugares de interese do municipio caldelao. Así vaise vivir este luns na vila.

De Casado Nieto, Claudio Movilla e de Orencio Pérez editouse este mesmo ano un libriño por parte da Fundación Lois Peña Novo con textos dos tres homenaxeados cedidos polas súas familias. O título é Arrequecer a endeita. Antoloxía de tres homes do dereito . Aí recóllense escritos do fiscal Casado Nieto, do maxistrado do Supremo Claudio Movilla e do maxistrado de primeira instancia Orencio Pérez onde se pode ver a paixón dos tres pola defensa dos valores democráticos e da terra na que naceron.

O curso de homenaxe proseguirá durante toda a xornada do martes no salón de actos do principal monumento local con máis temas galegos como o urbanismo ou a natureza.