«Ribadavia é unha vila moi literaria como entenderon autores como Cervantes ou Otero Pedraio entre outros»

C. Paradela

OURENSE

29 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Ribadavia gañou o programa «A Terra dos prodixios» que produce a Voz Audiovisual para a TVG, nunha rifada disputa co colexio do Cardenal de Monforte de Lemos, a Torre de Hércules da Coruña e, sobre todo, coas Dunas de Corrubedo. Antonio Míguez Amil, director da Oficina Municipal de Turismo da vila, defendeu os tres bens de interese cultural, o conxunto de Santo Domingo, o centro histórico e o castelo dos Sarmiento, cos que se optaba a ser elixida xoia do patrimonio galego.

-¿Como valora a experiencia televisiva?

-Foi moi positiva porque permitiu que Ribadavia estivese nun foro con voces moi interesantes, con persoas de moitos coñecementos como Xurxo Souto da Coruña e personaxes populares, de diferentes perfís pero no que todos defenden o seu, porque antes os galegos iamos sempre fora e non valorábamos o noso. Agora hai unha sensibilidade especial cara ao noso e iso é bo.

-¿Como se viviu a vitoria de Ribadavia?

-Foi un motivo de satisfacción ao dar a oportunidade de promocionar Ribadavia e de que se nos coñeza e poder ser unha referencia, por exemplo a xente de Corrubedo non coñecía Ribadavia. O celebramos moito e como non podía ser menos con licor café e viño do Ribeiro.

-¿Houbo momentos de certa tensión durante o programa?

-Creo que non hai que criticar para dicir que o mellor é o noso, por que mellor non hai ningún, todo depende do criterio que teñas para comparar. O bonito foi o encontro entre todos e defender cada un o seu e o peor é ter que criticar aos outros, aínda que sexa un xogo televisivo, pero nós non necesitamos criticar a ninguén para defender Ribadavia.

-Fíxolle unha chiscadela aos centros históricos de Ourense e de Santiago

-Había outros moitos monumentos que tiñan que estar e non estaban participando, pero Ribadavia sempre tivo, historicamente, aínda que hoxe non se sabe, vínculos moi fortes con esas dúas cidades e agora vivimos de forma allea esta realidade, pero son dúas cidades que me gustan moito e por iso recordeinas.

-De todos os xeitos Ribadavia estivo durante moito tempo en cuarto lugar, practicamente ata o final do programa.

-Bo, viuse tamén que a televisión galega mira máis cara ao medio rural que ao urbano, porque se votase o 10% dos coruñeses houbese gañaba a Torre de Hércules, pero Ribadavia e O Ribeiro estaban máis implicados e había unha ilusión especial e é importante que a xente senta e teña orgullo polo seu.

-¿Que suporá a vitoria no programa de «A Terra dos prodixios» para a vila?

-Unha promoción excelente e que nos coñezan en moitos máis sitios, porque se coñece o nome pero non nos identifican por unha realidade xeográfica e histórica e iso que O Ribeiro sempre foi un referente. Ademais, que non puiden dicilo no programa Ribadavia é unha vila moi literaria como entenderon autores como Cervantes e Otero Pedraio entre outros moitos.