A Xunta potencia o turismo termal e fluvial xunto ao Miño

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

Cultura remodelará o balneario vello de Cortegada e impulsa o turismo fluvial en Cenlle 

04 mar 2019 . Actualizado a las 21:02 h.

Aproveitar o potencial turístico co que se conta na comarca do Ribeiro-Carballiño en sectores como o do termalismo, as actividades vencelladas aos cursos fluviais e a Vía da Pratas son aspectos a potenciar e a desenvolver por parte da Xunta de Galicia, en colaboración cos concellos onde se atopan estos recursos.

E tres destes proxectos, nos que dende o Executivo galego se está a investir máis dun millón de euros, foron os que centraron onte a visita que realizou ás comarcas do Carballiño e O Ribeiro a responsable de Turismo da Xunta de Galicia.

En Cortegada Nava Castro presentou un dos «proxectos máis destacados que está a realizar a Xunta para manter e conservar o importante legado termal de Galicia». Trátase da rehabilitación de Baños de Cortegada, o histórico balneario que será recuperado para acoller unha área museística e hosteleira ao carón do río Miño demostrando a capacidade do turismo para contribuír a conservar e manter o legado e patrimonio galego. O investimento, segundo se sinalou no seu día e confirmou onte Nava Castro, superará os 400.000 euros.

O percorrido da directora de Turismo polo xeodestino tamén pasou por Cenlle. Neste municipio a Xunta está a investir máis de medio millón de euros «para impulsar o turismo fluvial a carón do Miño.

No caso de Piñor, o investimento está centrado na creación dun área de autocaravanas. O obxectivo neste caso pasa por aproveitar o trazado da Vía da Prata por este municipio.