Catro mestres e un enxeñeiro, finalistas do premio de poesía Florencio Delgado Gurriarán
OURENSE
![Rapaces do IES Martaguisela, durante a convivencia poética con Del Pazo, Moral, Besteiros e Saiáns](https://img.lavdg.com/sc/H27wl50FiO3J_yQ-43WaSct_zQs=/480x/2022/10/17/00121666025282593291653/Foto/OO18C4F1_184716.jpg)
A gala de entrega será o sábado no Barco
18 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Catro docentes e un enxeñeiro son os cinco finalistas do cuarto premio de poesía Florencio Delgado Gurriarán. «A meirande parte pertencen ao eido da educación, son mestres ou mestras, o que nos fala da importancia da comunidade educativa nos movementos culturais», resaltou Débora Álvarez, directora do proxecto As Letras de Florencio, ao falar do perfil dos cinco escollidos para levar o premio de entre as 175 obras admitidas a concurso (sobre un total de 181 presentadas). O xurado, formado por Emilio Vega Rodríguez, María Xesús Lama Lorenzo, Cristina Pato, Ramón Nicolás, Eilún del Pazo e Antía Balvís, escolleu as obras Ancorar toda esta auga, de Beatriz Dourado; De tuin der lusten, de Franscisco Fernández Davila; Antígona cantoume polas vosas voces, de Patricia Carballal; Receita cromática para unha visión libremente entendida, de Ana Barja; e Europa 2079, de Lois Pérez, para a final. O sábado ás 20.30 horas no teatro Lauro Olmo do Barco desvelarase o texto gañador. Será no transcurso dunha gala na que os escolares da comarca terán un papel protagonista.
![Elba Delgado, Margarida Pizcueta, Débora Álvarez e Raquel Bautista presentaron aos finalistas](https://img.lavdg.com/sc/U80egDeoa4hZbrjAZTrEddWfLlI=/480x/2022/10/17/00121666032901433109942/Foto/i17o2036.jpg)
Esta é a cuarta edición do premio de poesía. «A máis especial», en palabras da concelleira de Cultura barquense, Margarida Pizcueta. E engadiu: «Porque é o noso ano, o ano de Florencio, as nosas Letras, por fin estamos no mapa literario de Galicia». A alcaldesa de Petín, Raquel Bautista, destacou a unión dos concellos de Valdeorras para impulsar o premio. «Tiñamos que colaborar neste proxecto. Eu cheguei un pouco tarde, xa tiñan moito feito. Levan traballando moito tempo e isto é o cúlmen de todo o realizado, elas e moita máis xente implicada neste proxecto e por non podería ser doutra maneira, tiñamos que estar si ou si».
En representación da familia, Elba Delgado remarcou que a gala do sábado (de acceso libre e sen necesidade de ter invitación algunha) non é un punto e final aos actos para festexar o 17 de Maio para o poeta de Córgomo. E engadiu: «Satisfáceme gratamente que houbera tantos participantes». Afondou no interese que as fillas de Florencio amosan por todo o que está a pasar.
Na mesma mañá en que se daban a coñecer os textos finalistas, ganadores de edicións anteriores como Eilún del Pazo e Jorge Moral compartían xornada cos alumnos de primeiro de Secundaria dos tres institutos do Barco nunha convivencia poética. Del Pazo e Moral, xunto con María Besteiros e Bea Saiáns falaron da súa experiencia creativa cos rapaces do Divina Pastora e dos IES Martaguisela e Lauro Olmo.
![Os alumnos do CEIP de Seixalbo, recollendo o seu premio](https://img.lavdg.com/sc/vBPzGQRhMv0n0rbafKY_qHyH6Ow=/480x/2022/10/17/00121666032481218675340/Foto/O17O2058.jpg)
Premios para escolares da provincia polos seus traballos sobre Florencio
E no mesmo día en que no Barco se presentaba a gala de entrega do premio FDG, na Coruña facían o propio co concurso escolar que a Real Academia Galega lanzou co gallo das Letras. Ata alí se desprazaron os alumnos do CEIP Julio Gurriarán do Barco e do CEIP de Seixalbo de Ourense, acompañados dos seus mestres. Poideron pasar un anaco co presidente da RAG, Víctor Freixanes.
![Os alumnos do CEIP Julio Gurriarán do Barco, recollendo o seu premio](https://img.lavdg.com/sc/Na2QcXtlH8A44tiskIdrgIu-YX8=/480x/2022/10/17/00121666032541291858419/Foto/O17O2057.jpg)