María López, concelleira de Turismo de Allariz: «Primeiro van os residentes, e se é bo para eles tamén o vai ser para os visitantes»

Uxía Carrera Fernández
UXÍA CARRERA OURENSE / LA VOZ

OURENSE

María López, concelleira de Turismo de Allariz
María López, concelleira de Turismo de Allariz Santi M. Amil

A edil presentou un traballo de fin de máster sobre a percepción do turismo

24 feb 2025 . Actualizado a las 13:01 h.

A concelleira de Promoción Económica, Comercio e Turismo de Allariz, María López, é publicista de segue formándose para mellorar no seu cargo municipal. Cursou un Máster de Turismo Sostible e TIC da Universidade Oberta de Cataluña. Acaba de presentar o seu traballo de fin de máster «Allariz: percepción e actitudes dos residentes locais cara ao turismo. Implicacións para unha xestión turística sostible». Aborda cuestións para a planificación e xestión turística da vila.

—Como xurdiu o traballo?

—É importante coñecer a opinión da xente de Allariz porque eles son os que reflicten o impacto do turismo na vila. Eu son publicista e fixen o meu traballo de fin de carreira hai 25 anos e xa foi sobre Allariz e sobre turismo. Daquelas fixérao sobre estratexias de comunicación de turismo rural, era un mercado moi diferente. Hoxe atópome nun punto de partida igual, pero con retos e desafíos moi diferentes. De aí a importancia de formarse e reciclarse, tamén é unha cuestión de responsabilidade. Ó máster é unha metodoloxía interesante e eu leveino todo ao meu eido, que é Allariz.

—En que consistiu a investigación?

—Comezou en outubro pero como tiña o tema moi pensado adianteime e fixen enquisas antes porque para facer un traballo de campo amplo no ía ter tempo. Fixen 200 enquisas a residentes. Facíalles preguntas sobre se eles crían que o turismo era importante en Allariz, sobre os problemas que podía causar, os seus sentimentos, o impacto, sobre a taxa turística... Tamén fixen outra para trece axentes locais vinculados co sector, xente que traballa en hostalería, en comercio, no sector primario, na administración, na reserva da biosfera... Para eles foron entrevistas. Despois fixen unha correlación de patróns e traballei sobre unhas teorías. A máis importante foi a de vinculación e apego a un lugar. A importancia de que cando te sentes máis apegado ao territorio es máis crítico e pos máis en valor o patrimonio dun lugar.

—Cales foron os resultados?

—Sustentan o que xa se leva facendo en Allariz hai moitos anos. Non perder a mirada de cometer os erros que se cometen noutros lugares. Esa era a premisa: adiantarnos. Iso é unha vantaxe competitiva e unha oportunidade para toda Galicia. Os enquisados perciben que o turismo é un sector moi importante en Allariz e que hai moitos veciños que viven del, pero que hai que reforzar o eixo social máis. Aquí sempre se traballou cun destino moi diferenciado, con innovación de proxectos e actividades. Hai que mantelo máis que nunca, preservando os elementos que conformar a identidade e autenticidade de Allariz: patrimonio, gastronomía, costumes ou o Boi. Tamén que é importante establecer sinerxías entre administración e sector privado e ter datos para traballar dun xeito máis eficiente. Hai que aproveitar os recursos para mellorar as infraestruturas para todos e sobre todo ter a premisa de que primeiro os residentes, e se é bo para eles tamén o vai ser para todos os que nos visiten.

—Que parte negativa perciben?

—A xente pensa que en ocasións o turismo pode aumentar o costo da vida, hai momentos determinados do ano no que está masificado, a vivenda turística... Eses son os principais retos que temos que afrontar as administracións locais e pelexar co noso, co que temos. Conseguir ese equilibrio entre natureza e patrimonio, ir crecendo sostiblemente, despaciño, por un camiño que nos leve a non perder o que somos.

—Estase conseguindo?

—En Allariz lévanse facendo accións nese eido dende hai moitos anos. Hoxe nos atopamos nunha situación diferente á de outros lugares e o que temos que facer é adiantarnos, diferenciarnos e protexer o que é noso. Que non chegues a un lugar e te atopes co mesmo en todas partes. Temos un comercio moi diferenciado, tratamos as cousas con mimo e con cariño, dun xeito ao pequeno.

—O traballo utilizarase no Concello?

—Si, o que se pretende é que sexa unha ferramenta de traballo para aplicar, na medida do posible, as accións que poidamos e non descoidarnos nese eido. É unha responsabilidade grande todo o que temos que facer para preservar o que temos e incluso melloralo.