Cores, zurra e moitas risas na saída das bonitas de Sande

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

OURENSE

Preto dunha vintena de veciños vestíronse do personaxe típico desta zona de Cartelle

03 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Ás bonitas de Sande non lles falta detalle. Son exactamente como o seu propio nome indica. Levan unha coroa con plumas, unha máscara de arame pintada a man e van ben envoltas en mantillas de raso de distintas cores, con flocos e flores bordadas. «Pensamos que ten relación coa emigración. Na súa orixe ían cubertas con mantóns de Manila, que traían de Filipinas, e logo tamén se relacionaron con Latinoamérica, porque alí hai un meco que leva unha máscara de arame», explica Antonio Sousa, presidente da asociación cultural que impulsa este típico entroido de Cartelle. As bonitas son unha tradición con case un século de historia. «Antes só saían catro rapaces vestidos, os máis fortes e esveltos de todos. A súa labor era facer espazo na praza para que os veciños puideran desfrutar dos números, escenas teatrais sobre cousas que pasaran no pobo durante o ano», conta Antonio.

Os habitantes de Sande continuaron a costume entroideira das bonitas, pero adaptándoa aos tempos modernos. «Agora o que facemos é recorrer as aldeas», di o promotor da iniciativa, que xa se vestía nos oitenta, seguindo as lembranzas do seu tío, que sempre fora bonita. Hoxe en día hai máis de medio centenar de bonitas enchendo de cor o entroido de Sande, pero non todas participan na saída do domingo, porque a resaca é intensa despois de desfrutar do oso o sábado. Este domingo foron poucos as veciños que madrugaron para pór o traxe e escarmentar aos fregueses. Aínda así, a vintena que participaron foron suficientes para alegrar e encher de cor a xornada.

Como manda a tradición, as bonitas agardaron a que rematara a misa na igrexa de San Salvador de Sande e logo zurraron coas súas varas a todos os fieis que ían saíndo da capela. Os golpes son simbólicos e, de feito, a maioría rematan en apertas. O divertido é que o recorrido polas outras tres aldeas, O Prado, Oleiros e Parbón, comeza compartindo cos veciños de Sande unha bica e un licor café. Entre as bonitas había este domingo dúas ben pequenas, Ainara e Leire Adán, de dez e sete anos. «Levamos xa tres entroidos vestíndonos e saíndo e gústanos moito», dicía Ainara. «Pasamos nervios porque é moi divertido e sempre queremos que chegue o día», admitía.

Os veciños están encantados coa tradición. «Levamos acompañando ás bonitas dende nenas e é unha marabilla que cada vez haxa máis», contaba Maricarme Vázquez, xusto despois de recibir coa vara. «Rimos moito. O entroido está para iso, gozar e divertirse, e aquí en Sande é imposible non facelo», rematou Toña Fernández.