Cantareira sostible e reivindicativa no Ribeiro

OURENSE

Beatriz Domínguez Cendón, coa cantareira en cartón pedra que fixo para o Día das Letras Galegas.
Beatriz Domínguez Cendón, coa cantareira en cartón pedra que fixo para o Día das Letras Galegas. Santi M. Amil

Beatriz Domínguez Cendón creou a figura con cartóns de ovos

16 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Ribadavia contará cunha veciña singular na celebración do Día das Letras Galegas. Trátase dunha cantareira de cartón pedra que saíu da man de Beatriz Domínguez Cendón, traballadora da Casa da Cultura da vila dende hai trinta anos. Estes días, a peculiar cantareira atópase no exterior da sede cultural municipal, pero a partir deste sábado estará en tódolos actos conmemorativos.

A súa construción ten que ver co ánimo de Beatriz, xa que non é un encargo. Saíu dunha necesidade. «É o resultado da reciclaxe de varias caixas de cartóns de ovos que estaban no Conservatorio e que ó final non se usaron. Pensei en que podería facer con elas e xa que tiñamos aí o Día das Letras este foi o resultado», explica Beatriz. A ribadaviense afirma que lle encanta reciclar cousas, buscarlle outros valores ó que se tira e gastar poucos cartos en facelo. Por iso, en lugar de empregar cola decidiu mesturar fariña e auga para pegar o cartón. Serviu, ademais, para que os nenos viran todo o proceso e souberan o que se pode facer co que xa non serve.

A meteoroloxía dos días pasados non acompañou ó proceso, pero iso non foi óbice para que Beatriz puidera rematar o traballo. «Comecei a facela no xardín da Casa da Cultura, para que a xente vira como ía pouco a pouco tomando forma. Cando descansaba e ía ó interior da casa sempre estaba atenta por se chovía. Entón saía e metía a figura dentro ata que escampaba e volvía para fóra para que a xente a vira. E así todo o rato. Gústame ver a reacción dos veciños que pasan ó lado dela», relata.

Ademais de fomentar a reciclaxe e pór un grao de area no Día das Letras Galegas, Beatriz quería facer algo especial pola súa volta ó traballo tras un tempo de baixa. «Tiven un proceso de enfermidade moi doloroso e reincorporeime ó lugar onde estiven traballando durante trinta anos, os mesmos que ten a Casa da Xuventude. Quería facer algo diferente. O Día das Letras é fundamental a nivel cultural e sempre me gustou resaltalo. Neste caso, ademais, dedícase ás cantareiras e ás pandeireteiras e quen non as escoitou algunha vez? Nótase que a xente se identifica con elas inda que non teñan unha vinculación persoal», finaliza.