
Arredor de vinte voces poéticas, músicos e outros artistas participan no festival Poemagosto de Allariz, que celebra a súa sexta edición esta fin de semana
09 oct 2019 . Actualizado a las 15:26 h.O festival internacional de poesía Poemagosto chega esta fin de semana a Allariz. Poetas galegos e doutras linguas participarán neste encontro, no que haberá música, circo ou performances. Son arredor de vinte de actos pensados para todos os públicos e non faltará o espírito festivo. Carlos da Aira, creador do festival e responsable da programación, cóntanos algúns dos aspectos máis relevantes desta edición, que arranca este venres, ás 19.00 horas e rematará o domingo ao mediodía.
—Son seis edicións xa do Poemagosto. Veo xa consolidado?
—Está consolidado. Son seis edicións e esta é a terceira internacional. Vén xente de Vigo ou Coruña que repite todos os anos. Nestas seis edicións non repetimos poetas en cartel. En Galicia hai unha canteira brutal, e tamén fóra. Claudio Rodríguez Fer volve, pero para dar unha charla. Sempre hai representación de Galicia e de Portugal. O resto das procedencias, depende do criterio da organización, de nomes que se van recompilando durante o ano e poñemos en común. Este é un festival de poesía recitada e traemos poetas que teñen algo especial nesta faceta: a caboverdiana Vera Cruz fai unha performance e permite escoitar o idioma criolho; Lois Pérez e María Lado, que participan na festa de inauguración, son espectaculares diante do micro.
—Que destaca das xornadas?
—O comezo é con poesía. Tamén temos a primeira actividade familiar— todos os días temos unha—, moi movida e alegre, de circo e «clown». Á noite temos a festa de inauguración, con poesía máis desenfadada, e co pinchacumbias La Sincereza, que fai moita festa. O sábado é todo no patio do Museo do Coiro, salvo o roteiro co especialista en botánica Raúl de Tapia, colaborador de El Bosque Habitable de Radio 3, quen participa cunha actividade especial, aproveitando o entorno do festival de xardíns para falar de ecosistemas desde o punto de vista da poesía. É unha marabilla. O sábado temos o xantar, un punto central pois permite conversar cos poetas; o recital principal con todos eles ás 19.15 horas. Á noite, o concerto de Habelas Hainas e festa con pinchadiscos. O domingo haberá a música de Ukelerría polos bares e nas prazas de Arriba e de Abaixo, o concurso de poesía recitada e o concerto do grupo indie-pop Atrás Tigre.
—Como decidiron xuntar Allariz e poesía?
—En Galicia hoxe está pasando algo especial coa poesía. Cada ano saen novas voces, publicacións, premios. Hai tanta poesía que nos parecía que había que darlle saída. E Allariz hai moita actividade cultural pero faltaba algo especificamente literario. Hai sete anos fun ao festival do Condado, en Salvaterra de Miño, e quixen facer algo así.