
A cita contará con Garazi Albizua, Cristina Sánchez-Andrade e Suso de Toro
25 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Cristina Sánchez-Andrade, Suso de Toro, Miquel Martín i Serra, Isaac Xubín, María Alonso Seisdedos e Garazi Albizua estarán no Festival Literario de Allariz (FLAZ) os días 4 e 5 de xullo. A cuarta edición do FLAZ achégalle ó público a diversidade das letras en todas as linguas do Estado e a importancia da tradución para espallalas.
«Literatura e loita de clases», un diálogo entre Garazi Albizua e Miquel Martín i Serra, será o primeiro encontro, na tarde do venres 4 de xullo, na sala de exposicións A Fábrica de Allariz. Garazi Albizua (1985) é unha das autoras en lingua vasca con maior proxección. No 2024 publicou Termita. A súa literatura directa e poética atraeu a atención de lectores e crítica. Miquel Martín i Serra (Begur, Cataluña, 1969) é un dos escritores máis respectados das letras catalás actuais. O seu libro O atallo (publicado en galego por Aira) foi un grande éxito.
«A tradución literaria como resistencia fronte ao automatismo» é o título do diálogo entre María Alonso Seisdedos e Isaac Xubín, que terá lugar o sábado 5 de xullo, ás 12.30 horas na sala de exposicións A Fábrica. María Alonso Seisdedos (Vigo, 1961) é unha das tradutoras galegas máis recoñecidas, con varios premios pola súa labor. Isaac Xubín (A Coruña, 1978), é tradutor e escritor. Como creador recibiu o Premio da Crítica, o Eusebio Lourenzo Baleirón ou o Lueiro Rey de Poesía. Traduciu a Joseba Sarrionandia, Eva Baltasar ou Flann O’Brien.
Na tarde do sábado terá lugar o encontro entre Cristina Sánchez-Andrade e Suso de Toro baixo o título «O estilo literario na idade de ouro da trama». Cristina Sánchez-Andrade, natural de Santiago de Compostela, é unha das narradoras en lingua castelá máis orixinais e recoñecidas, tanto en España coma en América Latina A súa última novela, Habitada (2025) está traducida ó galego. Ademais, tamén é tradutora. Suso de Toro (Santiago, 1956) é un dos referentes da narrativa galega actual con títulos como Polaroid ou Land Rover.