A fisioterapeuta que camiña Galicia de cabo a rabo: «Fago cen quilómetros á semana para ensinar que non temos nada que envexar a ningún país»
![Uxía Carrera Fernández](https://img.lavdg.com/sc/IpUhdEo7-sxLEo4DLQFF1_x1DUs=/75x75/perfiles/1618496101292/1639823781096_thumb.jpg)
CALVOS DE RANDÍN
![Eva Rodríguez camiña tres ou catro rutas de sendeirismo á semana](https://img.lavdg.com/sc/NNniV4Z1gK8FKL3Ogn78ShENLVE=/480x/2024/12/09/00121733763601803557581/Foto/O_20241129_111335000.jpg)
A ourensá Eva Rodríguez divulga en redes rutas de sendeirismo contra o abandono do monte e das aldeas
05 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.«Galiza de cabo a rabo» é o proxecto da ourensá Eva Rodríguez. Non é figurado, senón literal. Cada semana fai tres ou catro rutas de sendeirismo, uns cen quilómetros de media, para ensinar a través de redes sociais toda a riqueza que agocha o territorio galego. Quere acabar co abandono de gran parte do monte e das aldeas do interior e de paso demostrar o regalo que é mirar Galicia con ollos de turista: «Non temos nada que envexarlle a ningún outro país, temos moitísimo que ofrecer».
Tras máis dun ano compartindo os seus itinerarios e coñecementos, Eva Rodríguez é case xa unha guía turística. Aínda que profesionalmente é fisioterapeuta. Naceu en Suíza porque os seus pais, de Calvos de Randín, foron emigrantes. Residiu no país europeo os primeiros anos de vida pero regresou a Galicia e, tras vivir en varios sitios, asentouse en Allariz. Aí ten a súa clínica e rexenta un aloxamento turístico, pero a súa maior afección está de portas para fóra.
«Encántame o monte, desde cativa quería ir co meu avó, que era pastor», lembra. A medida que foi camiñando pola natureza, deuse conta de que había un estado de abandono «moi grande». Cre que, en parte, é pola falta de coñecemento do que temos arredor e tamén por non saber darlle o valor que merece. Moitas veces comezaba rutas, homologadas ou non, que non sabía se podería acabar porque chegaba a un punto que xa non eran accesibles nin estaban preparadas. Ocorréuselle que se compartía as súas viaxes podería fomentar que volveran limpalos, que tivesen máis vida e que «non quedaran no esquecemento».
A ourensá aproveita as fins de semana e cada día libre para facer unha nova ruta. Fainas por Galicia, moitas na provincia de Ourense, e no norte de Portugal. «A fronteira é un territorio que me apaixona pola súa historia, non deixa de chamarme a atención como se ve como algo que divide cando son paisaxes, afectos e culturas que une», defende. Polas súas raíces de Calvos de Randín, coñecen ben o Couto Mixto e os pobos promiscuos. Recentemente fixo a gran ruta transfronteiriza Gerês-Xurés, que consta de 25 etapas por 300 quilómetros: «Foi a mellor experiencia da miña vida».
Neste caso era un itinerario ben sinalizado, pero moitas veces a aventureira prefire improvisar. Antes intenta mirar grosso modo información sobre a zona que vai recorrer, pero una vez no terreo documéntao ela mesma. Faino ca maior fonte de sabedoría: os habitantes que quedan nas aldeas. «Gústame parame coa xente, ao principio dinme que no seu pobo non hai nada que ver, que que fago por alí, pero despois acaban contándome historias e explicándome o porque das cousas. Encántame sabelo porque antes sempre se facía todo por unha razón», relata. Unha vez recompila os datos da ruta e da zona, fai unha publicación explicativa para quen queira visitalo e, se é necesario, para poñer en evidencia que non está preparada para ser transitada.
De Ourense coñece só un pouco de tódalas comarcas porque «é imposible abarcalo todo» e intenta ir sempre a sitios novos. «Aínda así, teño estado en lugares onde fun moitas veces e cando volvo vexo algo que do que non me decatara antes. Moita xente pensa que con ir unha vez aos sitios chega, pero mesmo a natureza non ten nada que ver en inverno ou verán», conta. Para Eva foi unha sorpresa tanto pola riqueza que se atopou camiñando como pola reacción da xente. «Antes ía correr pero non tes tempo suficiente como para pararte, camiñando ves as cousas dun xeito totalmente diferente e descobres mellor o que está ao teu carón», relata.
Os seus seguidores, que xa son case 7.000, abrazaron a iniciativa dende o primeiro momento: «Creouse un vínculo entre todos para que nos beneficiemos dos coñecementos que teñen outros e así manter viva a historia dos lugares e da xente». Os cen quilómetros semanais non lle pasan factura a ourensá. Confesa que non se cansa: «Encantaríame vivir así, recorrendo o mundo e vendo cousas diferentes».