Traducir as sombras

Ramón Nicolás FUGAS

CELANOVA

A escritora Moncha Fuentes.
A escritora Moncha Fuentes. M.MORALEJO

01 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Catro anos despois da publicación da primeira novela de Moncha Fuentes, titulada O mar que nos leva, que foi galardoada co premio da Crítica Galicia no 2019, chega agora O tradutor de sombras e, particularmente, alégrame a continuidade desta voz tan singular: tensa, pulcra e diáfana na dicción, hábil sempre na reprodución do discurso oral, capaz de construír páxinas de fondo alento literario.

Articulada tecnicamente coma se se tratase dun patchwork que posibilita tecer con axilidade secuencias instaladas en segmentos temporais distintos, condúcenos con plasticidade desde os tempos da República ata a actualidade; lévanos desde a vella Auria á de hoxe en día, mais tamén a Panxón, a Celanova —ese «reino maxestoso da liberdade»— ou a Vigo, grazas á presenza, e á memoria, de Roque Corbal, que se impón o reto de revelar algúns dos segredos familiares mais ocultos por unha lousa de silencio, entre eles a razón final que explicaría o suicidio de seu pai. Todo por xunto resulta operativo para rescatar e revisar algúns dos acontecementos políticos e sociais do nacionalismo do século XX e para ofrecer unha ollada crítica, de filiación sociolóxica e política, que se proxecta nos tempos actuais.

Na novela focalízanse dous elementos que resultan, ao meu ver, moi interesantes, como son, por un lado, o deseño da devandita resistencia antifranquista e que axuda a calibrar a historia desde outra ollada alén da oficial e, por outro, a intrahistoria, se se pode chamar así, do Hospital Psiquiátrico de Toén e o que supuxo a apertura do situado en Conxo, onde se deseñan os intereses económicos da Igrexa e do poder naquela altura, ao tempo que se rastrexa unha interesante crónica entre a vontade de renovación, ou non, da psiquiatría da man de figuras como Pérez-Villamil e Cabaleiro Goás.

Con todo, é esta unha proposta que non esquece abordar o máis esencial da condición humana, aquilo máis tráxico e perturbador que latexa na memoria e na vida e conséguese grazas á metaficción literaria e política entrelazada con efectividade entre o remol dunha historia familiar da que resulta imposible fuxir.

Traducir as sombras non é asunto doado, mais Moncha Fuentes fáinolo comprensible e transparente.