Pepe Velo na memoria

Ramón Nicolás

CELANOVA

03 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado día 31 de xaneiro cumpriuse o cincuenta e un cabodano de Xosé Velo Mosquera: escritor, profesor, activista, exiliado e parte activa no secuestro do transatlántico Santa María, ocorrido en xaneiro de 1961, como acción política dos chamados comandos do DRIL para denunciar as ditaduras ibéricas. Anos antes compartira, nos tempos da República, aquel soño que foi o Cartafol de poesía, man a man co seu amigo Celso Emilio Ferreiro, nos tempo que impulsaron con forza as Mocedades Galeguistas de Celanova ata convertelas nunha das asociacións políticas xuvenís máis relevantes.

No labor de divulgar e espallar a figura de Xosé Velo Mosquera está embarcado o documentalista e investigador Aser Álvarez con varios proxectos: un de carácter audiovisual titulado Xosé Velo. O libertador ibérico, que foi estreado no IES Castelao o pasado día 30 de xaneiro; outro orientado cara ao ámbito docente —Xosé Velo sen fronteiras. Fotobiografía sonora— e o que hoxe nos ocupa: Xosé Velo. Textos escollidos.

Esta publicación organízase arredor dunha operativa síntese biográfica que bebe dun aínda insubstituíble traballo que subscribiu Antonio Piñeiro baixo o título de Pepe Velo. Pensador, soñador e mestre revolucionario (Xerais, 2000), para logo deterse na explicación da fortuna que correu a súa obra literaria, na súa inmensa maioría aínda inédita, e na descrición polo miúdo do espolio literario e que, en parte, se incorpora.

Velaí, así pois, como baixo o criterio cronolóxico e usando como fío condutor a peza en prosa máis extensa e inédita do autor titulada ¡Muera España! ¡Viva Hespaña! (prólogo para la inauguración de Iberia), na que realiza unha crónica autobiográfica e histórica do acontecido en boa parte do século XX, van intercalándose composicións poéticas do autor, na súa maior parte igualmente inéditas; cartas —á súa esposa, a Otero Pedrayo, a Celso Emilio Ferreiro—; artigos evocativos da terra natal ou reivindicativos; transcricións de discursos radiofónicos; prólogos; manuscritos e un anexo final onde o seu fillo, Víctor Velo, repara na figura do seu pai e no secuestro do Santa María e o escritor portugués Miguel Urbano Rodrigues subscribe un conmovedor obituario. Beizón por un traballo ben feito.