Farrapos e formigas que van e veñen

Cándida Andaluz Corujo
c. andaluz OURENSE / LA VOZ

LAZA

As dez horas máis loucas do entroido de Laza vivíronse no luns borralleiro

12 feb 2024 . Actualizado a las 20:39 h.

Non se pode vivir o entroido de Ourense sen pasar polo menos unha vez na vida polo luns borralleiro de Laza. Cada vez son máis as persoas, sobre todo mozos, que se deixan levar polo desenfreo e a loucura para vivir una xornada que comeza cunha guerra de lanzamento de farrapos de barro na Picota e que termina coa baixada da Morena, entre toxos e formigas.

Pasaban as once da mañá cando comezou a gran batalla dos farrapos. En poucos minutos, a praza quedou tinguida de marrón e sobre o ceo de Laza empezaron a voar trapos que ían directos ás cabezas dos asistentes. Inda que tentaron nun primeiro intre manterse impolutos, caeron rendidos á festa. Iso si, co tradicional traxe dos que veñen de fóra, o chuvasqueiro, inda que sempre hai algún despistado que pensa que un chaleco de obra chega para cubrirse.

Tras un descanso, que encheu os bares da localidade, deu comezo a segunda quenda da festa: a baixada da Morena. Nunha Picota abarrotada, os peliqueiros puxeron orde, disciplina e organización. Ou tentárono, correndo arriba e abaixo. Mentres, en Cima de Vila preparaban ós protagonistas: a morena, as formigas cabreadas e os toxos. Cando o sol caeu, comezou a carreira rúa abaixo. Entón, o ceo de Laza desapareceu e tornouse nun arco iris de tonalidades escuras. Son uns dez minutos de desconcerto que a multitude vive entre gritos: !Que bote a picota! A festa continuou pola noite, pero trala baixada da Morena, a maior parte da xente empezou a abandonar a vila. Tras algo máis de dez horas de festa, chegou o descanso.