Morreu Suso Rocha, o acordeonista octoxenario que gozaba de tocar nos cantos de taberna 

María Cobas Vázquez
María Cobas O BARCO

O BARCO DE VALDEORRAS

Rocha nunha foto de arquivo.
Rocha nunha foto de arquivo. LOLITA VÁZQUEZ

O barquense, pai de tres fillos e avó de cinco netos, formaba parte de Abertal e Airiños da Porta Falsa

01 mar 2025 . Actualizado a las 17:15 h.

Era alegre e divertido e tiña unha agradable conversa. Iso era algo que un sabía con pasar un anaco falando con Jesús Rocha González, que finou hoxe aos 81 anos.

Suso, como todos lle chamaban, gozaba coma un cativo tocando no acordeón. Era un instrumento co que empezara a xogar cando nin sequera era un adolescente, pero que pronto deixou. Pasaron décadas e no 2007 que volveu ás clases. Primeiro apuntouse na escola de música do Barco, localidade na que vivía desde hai máis de 45 anos, e despois marchou para A Rúa de Valdeorras para unirse a Abertal. Co grupo que lidera Anxo Durán atopou unha segunda familia coa que gustaba de pasar o tempo. Gozaba dos ensaios, contaba el mesmo nunha entrevista de La Voz no 2023, e tamén das saídas para facer cantos de taberna. «Quedar quedas mallado de andar todo o día de arriba para abaixo co acordeón», recoñecía, para despois apuntar que en todo caso había que divertirse mentres fose posible. En Abertal confesábanse hoxe de loito: «Foise un dos nosos, o noso compañeiro e amigo Suso Rocha. O teu acordeón seguirá soando para sempre nos nosos corazóns, grande e tristísima perda».

Rocha formaba parte do grupo de acordeóns Airiños da Porta Falsa, de Manzaneda. Xuntos tocaban boleros e pasodobres, pezas máis complicadas e que el desfrutaba especialmente.

Suso presumía de manter una vida social activa. E tiña un lema, non pensaba baixar o ritmo «mentres o corpo aguante». Por iso de vez en cando volvía Ás Neves, a súa localidade natal, para ver aos amigos e comer un prato de lamprea cando era o tempo. En As Neves botara nove anos. Despois a familia marchou para Vigo e ao cumprir os 18 Suso decidiu emigrar. Estivo primeiro en Francia e despois en Suíza. Nunha viaxe de volta por vacacións coñeceu á súa muller, que era do Barco. En Berna naceron os seus dous primeiros fillos da parella (teñen tres), que no 1978 decidiu emprender a viaxe definitiva de volta. Tras unha primeira estadía en Vigo, viñeron para O Barco, onde durante máis de 30 anos estiveron á fronte da tinturería Walkyria en O Barco.

Estaba viúvo de Luisa Rivera, coa que tivo tres fillos: Cristina, Roberto e Javier. O pequeno é concelleiro polo BNG no Barco de Valdeorras. Era tamén avó de cinco netos. O seu corpo está sendo velado no tanatorio La Cruz do Barco. O domingo ás 11.00 horas será o funeral na igrexa parroquial Santo Tirso de Veigamuíños.