Homenaxean ao director Ignacio Vilar por máis de cincuenta anos dedicados ao cine

PETÍN

O acto será o sábado no Barco de Valdeorras
22 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Ignacio Vilar criouse nunha casa na aldea de Castrofolla, no concello ourensán de Petín, onde había unha lareira á que a cotío se achegaban os veciños para contar historias que aprenderan dos seus devanceiros. «Emocionábanme e pasaba meses dándolle voltas», recordou onte o director ao explicar o xerme da súa paixón por transmitir a través da palabra. «Cando vin a primeira película no cine Avenida da Rúa recordoume á lareira, porque se apagaban todas as luces e quedaba unha no centro», engadiu. Foi o xerme dun oficio ao que leva dedicados máis de 50 anos que deron lugar a títulos como Pradolongo, María Solinha ou A Esmorga.
Nunha vida dedicada ao cine tiveron moito que ver os moitos libros e películas que ten lido e visto. Con eles formou unha grande biblioteca que acaba de doar ao Instituto de Estudios Valdeorreses (IEV), que quixo agradecer o xesto organizándolle unha homenaxe. Será o sábado pola mañá na Casa Grande de Viloira no Barco, no mesmo edificio que albergará a colección doada por Vilar, formada por máis dun milleiro de libros e 400 películas. «O IEV é a posibilidade de ter todo nun lugar e espero que esta biblioteca sirva como un templo de formación para a fotografía e o cine», dixo Vilar. O presidente do Instituto, Aurelio Blanco Trincado, agradeceu o xesto porque pasará a formar parte dunha colección singular. Como remarcou o encargado do fondo bibliográfico da entidade, Julio Pérez, ata O Barco achéganse estudosos da comarca pero tamén de fóra dela e incluso de fóra de Galicia para buscar información en libros que só aquí poden atopar.