O CDG estrea a súa nova proposta escénica na Mostra de Ribadavia
23 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia será o escenario para a estrea do novo espectáculo do Centro Dramático Galego, Nada se sabe. Trátase dunha obra inclusiva que forma parte das iniciativas coas que a compañía quere festexar o seu corenta aniversario. Catro intérpretes con discapacidade —Rubén Bargiela, Corina Alfonso, Elvis García e Alba Chao— protagonizan a función. Subiranse ás táboas do castelo de Ribadavia este venres ás once da noite.
Na función os actores farán que o público reflexione sobre a xestión das diferenzas que fai a sociedade. Con esta premisa nace Nada se sabe, unha coprodución do CDG e Culturactiva. A peza está dirixida por Ignacio García, un dos realizadores nacionais máis relevantes, director do Festival de Almagro ata o 2022 e experto en pedagoxía do teatro. Acompañouno na tarefa Fran Rei, autor e director que nos últimos anos vén desenvolvendo un traballo constante de integración social a través do teatro con colectivos de persoas con discapacidade.
Na obra, os catro actores repasarán diversas versións da discapacidade no teatro clásico, deténdose especialmente nunha adaptación moderna e sinxela de Filoctetes, unha das traxedias gregas de Sófocles, escrita nesta ocasión polo autor Manuel Lourenzo. En escena os intérpretes dialogarán coa figura clásica de Filotectes, un heroe apartado na illa de Lemno a causa dunha ferida fedorenta, que máis adiante será fundamental para gañar a guerra de Troia. A través desta pasaxe histórica, cuestiónase o que se sabe e o que non sobre a discapacidade. Tamén se reflexiona sobre o que se entende por integración.
Nada se sabe é unha proposta integradora no contexto teatral galego, polo tema e o elenco, pola delicada selección musical, pola mestura de linguaxes e por estar formulada como un reto dirixido á audiencia, presentado como a dúbida metódica que lle dá nome ao espectáculo.
A obra é un dos pratos fortes desta corenta edición da MIT de Ribadavia, lugar no que se presentou este luns pola mañá. Asistiron o director da mostra, Roberto Pascual; os da obra, Nacho García e Fran Rei; a actriz Corina Alfonso; o director de Agadic, Jacobo Sutil; e o alcalde do municipio, César Fernández.
«Este traballo a prol da inclusión e da diversidade da escena é unha liña necesaria na estrutura pública de teatro e un camiño de longo percorrido no que o Centro Dramático Galego continúa a traballar para seguir dando pasos que garantan o acceso ás artes para as persoas con diversidade funcional, co obxectivo de proporcionarlles cada vez unha maior oferta», alagou o director de Agadic. «O goberno galego traballa, nesa mesma liña, na consecución da plena inclusión. Faino apoiando a adquisición de sistemas de accesibilidade nos espazos escénicos a través da convocatoria de subvencións para a modernización de infraestruturas públicas e privadas recentemente asignadas», engadiu. Precisamente a estrea do venres contará con servizos de accesibilidade de diferentes tipos. Haberá unha visita táctil previa á función, destinada a que as persoas invidentes fagan un percorrido polos elementos físicos do espectáculo, isto é, escenografía, vestiario e elenco. O público tamén contará cun servizo de audiodescrición para invidentes. E haberá interpretación en lingua de signos durante a función.
As entradas están á venda da web de Ataquilla, cun prezo de 5 ou 7 euros dependendo da situación da localidade.